Unha moza de 16 anos, ferida nun accidente de moto de madrugada en Cambados
Por Redacción
Unha moza de 16 anos resultou ferida na madrugada deste domingo nun accidente de tráfico rexistrado na zona de Castrelo, en Cambados.
Segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias de Cambados, o sinistro produciuse sobre as 00.40 horas da noite deste sábado a este domingo na estrada EP-9006, á altura de Castrelo.
Unha moza de 16 anos resultou ferida ao accidentarse a moto na que circulaba e tivo que ser trasladada por unha ambulancia do 061 ao Hospital do Salnés. O condutor da moto, tamén de 16 anos, rexeitou recibir asistencia sanitaria, sempre segundo a información de Emerxencias de Cambados.
Ao lugar do accidente acudiron a Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 e Emerxencias de Cambados.
Na tarde deste sábado, o servizo de Emerxencias de Cambados tamén acudiu a un accidente de tráfico rexistrado na zona de Tragove no que un coche presuntamente chocou contra outros dous e contra un muro dunha vivenda. Ao lugar tamén acudiron a Policía Local de Cambados, a Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061.