As analíticas cualifican de "excelente" a auga da praia fluvial de Ponte Caldelas
Por Redacción
A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, inicia a tempada estival co cualificativo de "excelente", segundo o resultado da analítica practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza a Consellería de Sanidade nas áreas habilitadas para a práctica da natación e o desfrute das zonas de baño.
O alcalde de ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo resultado da analítica practicada e sinalou que é unha constante na Calzada dende que se habilitou oficialmente como zona de baño en 2001. Considera que, ademais, corrobora o excelente estado de salubridade das augas do río Verdugo ao seu paso pola localidade.
Os resultados da analítica son expostos nun taboleiro de anuncios situado nas inmediacións da praia fluvial da Calzada, co fin de que os usuarios poidan consultalos en todo momento e comprobar a idoneidade desta auga para a práctica do baño. A analítica renóvase cada 15 días e os seus resultados tamén poden ser consultados a través de internet na web da Consellería de Sanidade.
A praia fluvial conta xa cun socorrista durante toda a tempada estival, que estará encargado de velar pola seguridade dos usuarios nas zonas acoutadas para a práctica do baño.
Recentemente leváronse a cabo as probas de selección entre os canditatos que presentaron a correspondente documentación acreditativa da súa capacitación para desenvolver o devandito labor. A persoa finalmente contratada é a que conseguiu maior puntuación.
Relacionadas:
-
Está garantida a calidade das augas da praia fluvial do Lérez?
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pecha a súa tempada de verán cunha maior afluencia de visitantes
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas ofrece navegar gratis en piragua polo río Verdugo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas prepárase para a época de baño fluvial
Por Redacción |