Miles de persoas degustan a gastronomía da emigración en Ponte Caldelas
Por Redacción
A cuarta edición da Festa Gastronómica do Emigrante botou a andar na noite deste venres na Alameda de Ponte Caldelas cunha estrea multitudinaria na que durante boa parte da noite estiveron cheas as mesas con 1.200 cadeiras instaladas polo Concello.
Segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas, varios miles de persoas participaron na degustación das propostas dos 12 expositores, que ofrecen comida representativa dos países relacionados coa emigración do municipio.
Entre as propostas que poden atoparse está a comida brasileira, mexicana, italiana, estadounidense, uruguaia e a española e galega. Ademais, hai dous stands con sobremesas e empanadas. O prezo é de cinco euros, con bebida incluída.
A Festa conta tamén con animación musical e este sábado, durante a cea, haberá un grupo de mariachis percorrendo as mesas.
A noite inclúe tamén o tradicional conxuro da Queimada e unha degustación gratuíta. O programa conclúe este domingo ao mediodía.
O Goberno local destaca a masiva resposta desta primeira noite dun evento culinario que enxalza simultaneamente unha ducia de propostas e o alcalde, Andrés Díaz, subliña que o evento atrae a numerosas persoas chegadas dende diferentes puntos de Galicia.