O PP rexeita denominar Virxinia Pereira ao rehabilitado edificio da Xunta en Benito Corbal

Por Anxo Lourido
Luís Bará, parlamentario do BNG, presentaba ante a Comisión primeira, institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para que se denominase oficialmente ao rehabilitado edificio da Xunta na rúa Benito Corbal como edificio Virxinia Pereira Renda, en homenaxe á muller que naceu na Estrada e que residiu en Pontevedra durante 20 anos loitando polo autogoberno de Galicia, acompañando ao seu marido Alfonso Rodríguez Castelao. Bará destacou que Virxinia Pereira sufríu o exilio en Cuba, Estado Unidos e Arxentina e, tras a morte de Castelao, loitou en defensa dos bens que lle foran expoliados.
A proposta do BNG contou co apoio do resto dos representantes da oposición, Partido Socialista, En Marea e o grupo mixto, pero foi rexeitada cos votos dos integrantes do Partido Popular. O deputado Jacobo Moreira alegou que non quería entrar no debate porque habería moitos outros nomes cos que se podería denominar este edificio. O representante popular engadiu que a sociedade xa lle ten designado o nome de "edificio da Xunta en Benito Corbal".
Desde as ringleiras populares criticouse que o BNG non teña empregado o nome de Virxinia Pereira para denominar algún espazo da cidade, malia levar 20 anos gobernándoa e Moreira rematou destacando as cualidades da rehabilitación do edificio destinado a distintas funcións sociais e culturais.
Luís Bará replicou sinalando que o PP empregaba o "menosprezo e ninguneo", ademais de amosar aversión á igualdade á hora de poñer nomes de mulleres a espazos públicos. Lembrou que en Pontevedra leva cinco anos desenvolvendo o proxecto de 'Memoria das mulleres' e denominando rúas con nome de muller. Ao remate da súa intervención apuntou que se a Xunta non o fai, será o Concello de Pontevedra quen levará a cabo unha homenaxe a Virxinia Pereira.
Relacionadas:
-
Virxinia Pereira, "garante" do legado de Castelao, ocupará o lugar de Juan Carlos I en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra homenaxea a Virxinia Pereira
Por Cristina Saiz |
-
Pontevedra homenaxeará a Virxinia Pereira no 50 cabodano do seu pasamento
Por Redacción |
-
A mudanza das oficinas de emprego faise efectiva
Por Redacción |
-
Ofensiva municipal contra a cesión dun local público á antiabortista Red Madre
Por Redacción |
-
Unha trintena de colectivos repartiranse dúas plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción |
-
A Fundación Manolo Moldes terá a súa sede no edificio da Xunta de Benito Corbal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Propoñen que o edificio da Xunta en Benito Corbal leve o nome de Virxinia Pereira
Por Redacción |