As Rías Baixas, sometidas a temperaturas de máis de 30 graos ata o domingo
Por Redacción
Este venres será unha xornada de moita calor nas Rías Baixas. As temperaturas mínimas, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia, van situarse en 17 graos mentres que as máximas ascenderán aos 33. O ceo estará despexado ata que ao final da tarde comecen a entrar nubes medias e altas pola zona sur de Galicia. Os ventos seguirán a soprar de compoñente norte, frouxos no interior e moderados na costa.
A xornada deste sábado 13 virá marcada pola inestabilidade atmosférica debido ao aire frío que se presentará nas capas altas. Agárdanse intervalos anubrados, con chuvascos treboentos, acompañados de aparato eléctrico que poderán ser localmente fortes. As temperaturas mínimas experimentarán un ascenso situándose ao redor dos 19 graos mentres que as máximas descenderán lixeiramente e se establecerán en 31 graos. Os ventos soprarán do nordés, frouxos na provincia de Pontevedra.
A estabilidade irá en aumento ao longo da xornada do domingo 14, xa que a zona de aire frío en altura desprazase fóra da comunidade autónoma e permanecerán as altas presións en superficie. O día comezará con nubes baixas e néboas que se irán retirando, ara deixar un ceo pouco anubrado ou despexado durante a tarde. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso, situándose entre os 16 e os 25 graos, e os ventos soprarán do nordés frouxos nas Rías Baixas, con réxime de brisas.