A creación da Facultade de Deseño e Creación, en suspenso
Por Redacción
Novo revés para a intención da Universidade de Vigo de impartir o grao en Deseño e Creación no campus de Pontevedra. A tramitación para a creación da nova facultade quedou en suspenso ante as posturas enfrontadas de membros do Claustro Universitario.
Ante esta situación, o reitor da universidade, Manuel Reigosa, actuará como mediador entre as diferentes posturas. Abrirase un prazo dunha semana para buscar unha solución alternativa que permita poñer en marcha o grao en Deseño e Creación.
De cara a este proceso, na sesión ordinaria do claustro Reigosa pediu o compromiso de todas as partes para "non arriscarnos a perder este título". De non chegar a un acordo, avanzou o reitor, a universidade reactivará o inicio do expediente para a creación da nova facultade.
A creación deste novo centro é a resposta alternativa da Universidade de Vigo á negativa da Xunta de Facultade de Belas Artes á aprobación da memoria do grao en Deseño e Creación.
Ante a imposibilidade de chegar a un acordo para a implantación desde título en Belas Artes e con prazos moi curtos polo inminente peche do actual mapa de titulacións, a universidade optou pola creación dun novo centro, que daría acubillo tanto a este grao como ao Máster en Dirección Creativa de Moda.
Recoñecía o reitor que esta era a "única posibilidade" que a tiña a institución para conseguir aprobar os plans de estudos e que se someta a todos os procesos de avaliación. Para pilotar este proceso nomeouse como decano-comisario ao profesor Marcos Dopico.
O proceso que debería ter arrancado este mércores, instando ao Consello de Goberno á iniciación do expediente, quedou en suspenso tras a intervención de varios membros do claustro opoñéndose á posta en marcha da nova facultade.
Un deles foi o catedrático do departamento de Pintura Jesús Hernández, que lembrou que o lugar natural do novo grao é a Facultade de Belas Artes, pero non nas condicións que se propoñían e que tiveron como consecuencia a votación negativa da Xunta da Facultade.
Entre estes motivos, destacou que as 45 prazas de Deseño e Creación se detraerían de Belas Artes, titulación coa que terían tamén que compartir espazos físicos, equipamentos e cadro de profesorado, "o que sería desvestir un santo para vestir outro", subliñou.
"Belas Artes non dixo non a Deseño e Creación, senón á súa memoria", explicou o catedrático, que lamentou non contar cunha proposta "que non restase, senón que sumase, de xeito que un título se complementara e potenciara ao outro". Unha nova facultade, asegurou, sería "contraproducente" para as dúas titulacións.
No mesmo sentido pronunciáronse tamén representantes do PAS de Belas Artes, do sector estudantes ou a profesora da Escola de Telecomunicación Carmen García Mateo, que solicitou retirar o punto da orde do día, xa que segundo explicaba se trata dun conflito complexo que non se pode solucionar cunha decisión "precipitada e pouco meditada".
O reitor respondía recoñecendo que non se puido ofrecer a Belas Artes a garantía de que a Xunta de Galicia permitise manter o número de prazas, pero remarcou que é algo no que se segue a traballar, "xa que se está flexibilizando esta medida" e permitindo que se recuperen as prazas nun ano se existe demanda. Tamén advertiu que se se renuncia esta titulación, "algunha outra universidade irá a por ela, porque é moi atractiva".
Pola súa banda, Marcos Dopico e a decana en funcións de Belas Artes, Silvia García, fixeron fincapé en que esta é a "única alternativa" para non perder o grao ante a existencia dun "conflito evidente e un clima de boicot" ao novo grao no seo da facultade, a pesar de existir un "maioritario apoio" do parte do estudantado e unha ampla demanda social.
Máis aló do problema das prazas, explicaba a decana en funcións, dende o ámbito artístico había "argumentos en contra" do deseño como disciplina, da ilustración como disciplina e da moda como disciplina" e advertiu que se tras os adiamentos solicitados neste proceso non se chegou a un acordo, "será moi complicado facelo no prazo dunha semana".
Relacionadas:
-
"Abrir unha etapa de diálogo" e "reivindicar Belas Artes", entre os obxectivos do novo decano
Por Almu Dapena |
-
A Universidade aproba a creación da Facultade de Deseño e Creación en Pontevedra
Por Redacción |
-
Deseño e Creación terá facultade propia en Pontevedra dentro de Belas Artes
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Universidade creará unha nova facultade en Pontevedra unicamente para o grao en Deseño e Creación
Por Oskar Viéitez |
-
Silvia García dimite como decana de Belas Artes
Por Redacción |
-
O Concello vería "fantástico" unha titulación sobre videoxogos no campus e ofrece a súa colaboración
Por Alejandro Espiño |