As familias do Amor Ruibal en pé de guerra polo peche de unidades de Educación Infantil
Por Redacción
O peche de tres unidades de Educación Infantil do colexio Amor Ruibal de Barro provoca o malestar da Asociación de Nais e Pais, que decidiron expresar publicamente o seu enfado co obxectivo de facer recapacitar á consellería de Educación.
"De seis unidades que houbo durante varios cursos, este xuño informóusenos do peche de tres unidades sen posibilidade de negociación", lamentan desde o colectivo de pais. Consideran unha inxustiza que, pola diferenza dun alumno dun curso e dous doutro, cambien as condicións de escolarización duns alumnos que empezaron o ciclo de infantil separados por idades.
Aseguran que case todas as aulas están a pecharse con 25 alumnos, unha cifra que consideran "moi elevada" para atender de forma adecuada aos escolares. "A Consellería permite apiñar nenos e facer aulas de 25 xa desde infantil no canto de primar a calidade da educación", sentencian desde o ANPA.