Cidadáns quere trasladar a Pontevedra a polémica do Orgullo en Madrid
Por Alejandro Espiño
Que o pleno municipal de Pontevedra condene os actos de odio e violencia que, segundo a versión de Cidadáns, sufriron dirixentes e simpatizantes do seu partido durante a celebración en Madrid da manifestación do Orgullo LGTBI. É a intención do partido de Albert Rivera, que elixiu este tema para estrearse neste novo mandato.
A través do seu portavoz municipal, Goyo Revenga, Cidadáns esixe que BNG, PP e PSdeG-PSOE condenen os episodios de "discriminación" e os actos de "odio" que, a xuízo da formación laranxa, sufriron por "motivos ideolóxicos".
Cidadáns anunciou que denunciará ante a Fiscalía estes incidentes, a pesar de que os informes policiais poñen en dúbida esta versión e negan que se produciran agresións durante a manifestación.
Será o único tema alleo á cidade que se trate no primeiro pleno ordinario deste novo mandato, xa que o PP presentará tres mocións sobre as vías sanitarias, a limpeza do monumento á Constitución e a creación dun aparcamento disuasorio na Parda.
Ademais, a corporación tratará asuntos administrativos como a modificación de crédito de 4.2 millóns para incorporar o superávit ao orzamento municipal, un cambio no cadro de persoal para crear novas direccións xerais ou os decretos que organizan a estrutura do novo executivo bipartito.
Todas estas cuestións foron tratadas na reunión da xunta de portavoces celebrada este martes no Concello, á que asistiron tanto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como os portavoces dos catro partidos presentes na corporación, Carme da Silva, Rafa Domínguez, Iván Puentes e Goyo Revenga.
Relacionadas:
-
Duras críticas a Cidadáns pola polémica do Orgullo LGTBI: "Son un perigo para a democracia"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, contra o BNG polas vías sanitarias: "Cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda"
Por Redacción |
-
O Concello recorda que a normativa de 'lombos' aprobouse en febreiro "e non foi alegada por ninguén"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará as vías sanitarias ao Pleno Municipal buscando a división do goberno local
Por Diego Espiño |