A reforma de Echegaray permite, segundo o alcalde, corrixir unha rúa "mal dimensionada"
Durante os próximos seis meses, Echegaray estará en obras. Operarios da empresa COVSA iniciaron este martes os traballos de renovación dos servizos neste ámbito da cidade, actuación que financia Viaqua con cargo ao contrato da auga e que suporá un cambio integral no aspecto estético desta rúa.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu acompañado do responsable do ciclo da auga, Raimundo González, a comprobar o inicio desta obra, valorada en case 700.000 euros.
Os traballos, que pararán durante as Festas da Peregrina, comezaron na marxe esquerda da rúa, concretamente na zona de estacionamentos. Está previsto actuar primeiro nunha marxe da rúa e a continuación na outra.
Fernández Lores explicou que esta era unha obra "necesaria" porque había que renovar os servizos soterrados, un dos aspectos "máis importantes" que se acometen nos traballos de reforma urbana.
Ademais, destacou que Echegaray era unha rúa "mal dimensionada" xa que hai pouco espazo para os peóns cando ten moito tránsito peonil ao unir Pontevedra con Poio.
O alcalde lembrou que o proxecto foi presentado e consensuado con veciños e comerciantes que solicitaron que a obra se iniciase "canto antes".
Na obra renovaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento, substituirase toda a canalización eléctrica e reformarase a rúa en superficie, ampliando as beirarrúas e mantendo unha liña de estacionamento de servizos a ambos lados.
Relacionadas:
-
A reforma de Echegaray apura os últimos días
Por Redacción |
-
Información a condutores: a rúa Echegaray pechará durante o día a partir do luns
Por Redacción |
-
Pechan ao tráfico as rúas Echegaray e Rouco para avanzar na súa reforma
Por Redacción |
-
As obras de reforma da rúa Echegaray comezarán o próximo luns
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños e comerciantes acordan iniciar "canto antes" a reforma de Echegaray
Por Alejandro Espiño |