Un muro de 10 metros en Raxó crea crispación entre o concelleiro de Urbanismo e a conselleira de Infraestruturas
Por Anxo Lourido
A presenza da conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez en Raxó provocou que os concelleiros socialistas en Poio, Chelo Besada e Gregorio Agís, responsable da área de Urbanismo, amosaran a súa disconformidade coa execución do ramal que se está a construír nesta parroquia para conectar unha futura glorieta na PO-308 coa zona portuaria. A conselleira chegou a ameazar con marcharse do lugar de encontro porque non estaba disposta a escoitar insultos.
Gregorio Agís manifestaba que a diferenza de altura entre este ramal e a travesía Leopoldo Novoa é "brutal" e iso remata xerando un muro de forte impacto visual. Reclama á Xunta de Galicia que reduza esa cota para que a transición coa contorna sexa máis natural nunha zona urbana, que contará cun espazo verde que se prolongará ata a estrada cara Sanxenxo. Para Agís, interromper ese espazo cun "frontón de 10 metros" carece de sentido.
Indican que no proxecto inicial a conexión entre este ramal e Leopoldo Novoa ía ser realizado pola Xunta, pero no proxecto construtivo, a Conselleira de Infraestruturas de maneira unilateral e sen comunicalo decidíu que fose o Concello de Poio quen asumise eses traballos. "O Concello ten que asumir unha obra que é unha auténtica aberración. É fácil entendelo pero cando non se quere entender, non se entende", indicou. Os socialistas alegan, ante as críticas que se realizan desde o Partido Popular de Poio sobre a paralización das obras que lle corresponden ao Concello, que os terreos aínda non se atopan a disposición do Concello para que se poida licitar a futura obra.
VERSIÓN DO PP DE POIO
Desde o PP lamentan o "ridículo" de Gregorio Agís e de Chelo Besada durante a visita da conselleira ás obras da PO-308 e cúlpaos de buscar "crispación" e "protagonismo". Ángel Moldes, voceiro popular local, considera un "espectáculo lamentable" este debate durante a visita de Ehtel Vázquez e agradece o diálogo que si se producía entre a conselleira e o alcalde Luciano Sobral, que se amosaba satisfeito coas actuacións realizadas.
Segundo os populares, os dous representantes do PSOE na corporación tentaron escusar "de moi malos modos" con esta intervención a falta de avances nos traballos que corresponden ao Concello gobernado polo tripartito.
Moldes denuncia que o Concello mantén paralizado o vial de Rabo de Porco, os retranqueos para conseguir prazas de aparcadoiro ou as facturas impagadas pola reposición de tubaxes.
Relacionadas:
-
Poio pide á Xunta que execute o vial da rotonda de Rabo de porco e ofrécese a financiar a obra
Por Redacción |
-
A asociación veciñal 'Combarro', molesta polo silencio do Concello no proxecto de reforma da PO-308
Por Redacción |
-
En novembro rematarán as obras de seguridade viaria na PO-308 ao seu paso por Raxó
Por Redacción |
-
420.000 euros para a mellora da estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín
Por Redacción |
-
BNG, PSOE e Avante asinan o pacto de goberno en Poio
Por Oskar Viéitez |