O xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Pontevedra: "O tempo de reacción ante unha alarma é menor a 15 minutos"
Por Manu Otero
O xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Pontevedra, Manuel Francisco Gutiérrez, explica que as alarmas sobre incendios forestais proceden de avisos de particulares ao teléfono 085, de avistamentos desde as torres de vixilancias ou das 18 cámaras instaladas para este verán nos montes da provincia. Aínda que o equipo, de 1.200 efectivos, está capacitado para afrontar calquera situacion, Francisco admite que nada se pode facer ante sucesos climáticos como o de outubro do 2017 ou ante a actuación de incendiarios, pese ao incremento da presión policial e a habilitación dun novo número de teléfono para denuncias anónimas.
Cales son os corpos antiincendios que operan na provincia?
As competencias da extinción de incendios forestais tenas a Xunta de Galicia, a Consellería do Medio Rural. Nela hai unha estrutura formada por uns bombeiros forestais: condutores, xefes de brigada, axentes forestais e enxeñeiros técnicos, que están ao mando das operacións do dispositivo de extinción. De forma complementaria, hai brigadas de bombeiros helitransportadas, así como buldóceres. Ese é o groso da extinción de incendios forestais en Galicia.
Logo hai colaboracións. Se o incendio está na interfase forestal, que en Pontevedra é moi habitual que estea preto das casas. Trabállase con bombeiros comarcais, GES, Protección Civil e brigadas e motobombas municipais. Se incrementamos a gravidade pode haber colaboracións doutro tipo, como a UME, o exército ou a Policía Local. Tamén o Estado colabora cos avións amarelos que adoitamos ver cargar nas rías. Son avións operados por militares, pero pertencen ao Ministerio.
Como se detecta un incendio?
Desde o 1 de xullo prohíbese en toda Galicia a realización de queimas. Calquera fume que se detecte marcámolo como alarma de incendio. Esa alarma pode ser ofrecida polo 085 a través da cidadanía ou ben polas casetas de vixilancia que temos distribuídas ao longo da provincia. Ademais este ano temos 18 cámaras distribuídas por todo o territorio. Por eses tres sistemas entra a alarma. Unha vez que entra, o dispositivo envía automaticamente unha brigada, unha motobomba e un axente forestal para confirmar se é un incendio ou non. O tempo de reacción é menor a 15 minutos de media. Logo vaise aumentando o dispositivo con saída inmediata de helicópteros e conforme ao perigo, virulencia ou prolongación do incendio vanse sumando medios ata a extinción.
Pola simultaneidade dos incendios, que é unha das características da provincia, temos catro centros de coordinación de distrito en Lalín, Ponteareas, O Porriño e Pontevedra. Fan que todo isto funcione e non haxa atascos á hora de informar e xestionar a manobra. Sen eles non se podería manexar un dispositivo tan potente desde unha central, que é a que está en Pontevedra.
Só se traballa en extinción ou tamén en prevención?
Durante todo o ano facemos traballos de reparación e mantemento de puntos de auga. Temos 1.000 puntos para carga de camións e helicópteros en toda a provincia. Tamén realizamos traballos selvícolas como devasas, arranxos de camiños e pistas forestais, tratamentos da masa para eliminar material combustible. No inverno realizamos queimas controladas con sectores de gandeiros e cazadores. Nunca paramos, estamos sempre facendo traballos de prevención.
Proximamente vanse a aprobar as subvencións das Comunidades de Montes e serán eles os que por medio dun investimento potente realizarán os traballos dentro dos montes comunais.
Cantas persoas traballarán na campaña de verán?
Todos os anos apróbase o Pladiga, que é o plan director no que o procedemento vén reflectido. Este verán estaremos preto de 1.200 persoas traballando, coas súas quendas e descansos, na provincia de Pontevedra.
Pódese predicir se vai ser un verán de incendios?
Non hai que esquecer que os incendios teñen unha orixe, en certos casos, de intencionalidade, aínda que está a diminuír. Este ano púxose o teléfono de denuncia anónima para calquera cidadán que queira facelo (900 815 085). Baixamos a case un terzo dos cocientes de incendios que tiñamos nos anos noventa. Non se pode controlar porque non depende de nós, aínda que hai unha forte presión policial e este teléfono é unha nova medida.
Os incendios do verán van depender tamén do propio clima. Hai conclusións de expertos en meteoroloxía que están a detectar cada vez máis períodos de picos calor e máis tempo de temperaturas altas. Dependemos deses dous factores: da intencionalidade e do cambio climático.
Hai medios suficientes para afrontar unha onda de incendios como os do 2017 ou 2006?
A situación que se produciu no 2017 foi excepcional. Foi unha cola de furacán que veu con temperaturas moi altas, altas velocidades de vento e humidade excepcionalmente seca. O dispositivo non está dimensionado para esa situación porque é totalmente anormal.
Para o resto de situacións, é un dispositivo altamente profesionalizado e capacitado. Entendo que estamos preparados para calquera outra situación. Calquera incendio é unha emerxencia que non debe ocorrer, situacións como as do 2017 non é un problema de medios, nin de cantidade de motobombas ou avións. Hai situacións nas que non hai medios suficientes para parar esa situación tan extrema meteorológicamente falando.