As denuncias en seguridade cidadá en Pontevedra superan á suma das outras tres provincias galegas
Por Manu Otero
A subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba (PSOE), cumpre un ano á fronte desta institución e, fiel ao seu compromiso de dar transparencia á súa xestión, compareceu ante os medios para pormenorizar as intervencións de todos os departamentos que dirixe durante o último ano. As 8.731 denuncias en materia de Seguridade Cidadá é un dos datos máis destacados do ultimo ano, debido a que supón unha das cifras máis altas desde que hai rexistros e porque o volume supera á suma das outras tres provincias galegas, "algo que é habitual, pero que este ano foi aínda maior", declarou Larriba.
A área de Información e Rexistro da Subdelegación foi a que maior número de atencións ao público realizou con 27.500, un incremento do 184 % con respecto ao ano anterior. O servizo de estranxeiría tramitou 20.700 servizos, dos que 4.100 foron peticións de residencia. Delas, só 309 foron denegadas.
O ámbito de sanidade animal realizou 9.100 inspeccións centradas principalmente na importación e exportación de peixe. Tamén houbo 3.000 inspeccións de control de produtos vexetais, prestando especial atención a aquelas importacións procedentes de países nos que o control é menos exhaustivo que en España.
A loita contra o tráfico de estupefacientes é outro dos alicerces sobre os que se sustenta a acción da Subdelegación. No último ano tomáronse 9.800 mostras en diferentes operacións para incautar alixos.
Un dos acontecementos que marcou o mandato de Maica Larriba foi a explosión do almacén ilegal de pirotecnia de Paramos. Desde entón, os técnicos intensificaron os controis sobre este tipo empresas e os espectáculos de fogos artificiais. Neste sentido, os operarios da Subdelegación inspeccionan de forma regular o funcionamento de 120 minas e canteiras, proporcionando explosivos para voaduras e supervisando a súa execución.
Doutra banda, avanzou Larriba que no mes de setembro está prevista a comparecencia co xefe da Inspección de Traballo para presentar os resultados da campaña de inspección en empresas que se está levando a cabo.
Para a subdelegada, o seu primeiro ano á fronte da institución foi intenso. Á hora de facer balance lembrou a súa intervención na explosión de Tui, o incendio nun catamarán de turistas no Grove, o afundimento no Marisquiño ou a mellora viaria e a inminente instalación paneis sonoros na contorna da AP-9 ao seu paso por Chapela e Teis. Unhas xestións que, agradeceu, non poderían realizarse sen o labor dos 166 funcionarios que traballan na Subedelación.
Aínda que a súa continuidade no cargo está pendente da investidura de Pedro Sánchez como presidente, Maica Larriba mostrou a súa predisposición para continuar como subdelegada. "Eu quero que Pedro Sánchez sexa investido e que Javier Losada siga como delegado. E se eles queren que eu continúe, seguiría encantada", dixo tras ser preguntada sobre os seus plans de futuro.