'Caderno de bitácora' dos trece mil quilómetros en moto a Mongolia
Por Redacción
Miguel Filgueira Touriño está afeito facer turismo en moto. De feito percorreu quilómetros por España, Portugal e Francia; pero este 2019 emprendeu a viaxe máis longa sobre rodas e que lle sumará cinco díxitos ao conta quilómetros de "Guerrilleira, a invencible", a súa moto BMW GS.
O ex concelleiro nacionalista salíu o 28 de xuño en solitario desde Pontevedra para atoparse en Barcelona cos dez restantes moteiros que compartirán a experiencia de chegar a Ulán Bator, a capital de Mongolia. Isto é, case 13.000 quilómetros. É o único galego da expedición na que hai compañeiros de Barcelona, Alacante, Valencia, Sevilla ou Madrid.
Aínda que foi a finais do pasado mes cando acenderon motores, levan un ano planificando este periplo. Once moteiros coas súas respectivas motos, sen coche algún de apoio, o que obriga a restrinxir os aveños que levan con eles.
A primeira semana durante o seu paso por Francia, Italia ou Grecia as noites foron en hoteis; pero as casas particulares que ofrecen aloxamentos ou os colchóns en tendas de campaña tamén serán teito no que resta de viaxe. Igualmente, as altas temperaturas, superando os 40 graos algúns días, acompañáronlles as xornadas iniciais.
Turquía "foi unha aprendizaxe" como condutor, contaba a PontevedraViva, lembrando os quilómetros de caravanas que atoparon en vías de gran capacidade e ao parecer con escaso ou nulo costume de utilizar os intermitentes dos vehiculos. Con todo, o país encandeou ao pontevedrés. A "transición" da aventura chega en Xeorxia. Transición no sentido de que as etapas empezan a ser "máis lentas" xa que do mesmo xeito que en países como Casaquistán ou a mesma Mongolia, percorrerán estradas que "ata hai pouco non coñecían o asfalto" ou son mesmo pistas.
Esa circunstancia non é óbice algún para estes moteiros. "Está a ser fenomenal" di Filgueira, quen engade que chega ao destino previsto "si ou si". Que está a gozar a viaxe estival evidénciase no 'caderno de bitácora' que cada día - salvo algunha excepción - vai subindo a Facebook. Uns breves vídeos nos que resume as sensacións que cada día repórtalles. Contan igualmente cun blogue e unha web de seguimento de coordenadas a través de gps.
A volta non será nas súas motos, senón en avión vía Pequín. As súas 'burras' tardarán máis en regresar e farano en camión. Miguel aterrará o tres de agosto en Madrid, así que como avanzou "cumprirei os 57 voando".
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: A aprendizaxe vital inesquecible dun moteiro
Por Marisa Ciordia |
-
Marcharon hai máis de 6 meses a percorrer Europa. Onde está a Familia Supertramp?
Por Anxo Lourido |
-
Miles de moteiros acudirán a Sanxenxo para a XXXII edición da súa concentración mototurística
Por Redacción |
-
Demetrio Gómez, número 3 na candidatura do BNG; Miguel Filgueira quedará fóra da corporación
Por Redacción |