A rúa Rouco, en obras a partir do luns
Por Alejandro Espiño
Unha nova rúa sumarase, a partir do luns día 15, aos espazos urbanos en obras. Trátase de Rouco, entre a praza de Barcelos e Cobián Roffignac. Os traballos de reforma urbana, que supoñerán un investimento de 160.593 euros, durarán catro meses.
A empresa EC Casas será quen execute esta reforma que, segundo a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, "non é moi grande pero se moi importante", xa que permitirá humanizar a contorna do colexio de Barcelos e garantir a seguridade dos peóns.
A comunidade escolar pedira unha intervención para ampliar as beirarrúas e gañar espazo peonil, mantendo ao mesmo tempo a circulación do tráfico rodado pola rúa e renovando a súa pavimentación.
Así, a nova rúa Rouco terá beirarrúas de cinco metros no lado do colexio e de tres metros na marxe contraria e habilitarase unha única liña de estacionamentos na beirarrúa dereita.
Ademais, mellorarase a iluminación, colocarase novo mobiliario urbano e colocarase un aparcamento para bicicletas. A obra incluirá tamén a renovación da rede de sumidoiros e da rede de pluviais.
Estes traballos de reforma urbana, asegurou Gulías, non alterarán o tráfico na zona, salvo interrupcións puntuais por motivos loxísticos ou de pavimentación.