A ponte do Burgo, pechada ao paso de peóns desde o luns
Por Redacción
O Concello de Pontevedra anunciou que a partir do próximo luns 8 de xullo a ponte do burgo quedará pechada ao tránsito peonil.
Esta decisión débese á necesidade de axilizar os traballos de renovación da ponte para cumprir os prazos establecidos no proxecto, requisito indispensable ao estar financiado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable ( EDUSI).
O ritmo da obra, explican, obriga ao peche xa que esta previsto comezar a instalar a lastra de pedra en toda a plataforma da ponte, polo que se quere evitar que o paso de persoas dane as pedras recentemente colocadas.
Paralelamente tamén se retirará toda a varanda actual para instalar a nova, polo que haberá momentos os que non se dispoña de proteccións laterais para axilizar os traballos, o que faría perigoso o paso de peóns. Esta varanda, defende o goberno local, cumprirá a normativa actual de seguridade, algo que a actual non facía, e buscará unha maior visibilidade da infraestrutura.
O peche da ponte obrigará a desviar provisionalmente o Camiño de Santiago cara á ponte das Correntes antes de volver ao percorrido habitual na Santiña. Por este motivo a empresa concesionaria das obras informará a veciños e albergues de peregrinos.
Segundo informa o Concello, nesta fase da renovación tamén se instalará a iluminación, que será tripla: por unha banda farase unha iluminación superficial encaixada no propio pavimento formada por unha gran cantidade de puntos de luz de baixo consumo creando a sinalización do Camiño; unha segunda actuación será dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais; e a terceira é a substitución da actual iluminación en altura por outra de menor intensidade e enfocada á superficie peonil.
Relacionadas:
-
Zona Monumental, molesta co peche peonil da ponte do Burgo durante tres meses
Por Redacción |
-
O goberno local calcula que a ponte do Burgo permanecerá pechada ao paso ata outubro
Por Redacción |
-
A renovada ponte do Burgo terá unha varanda deseñada para Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Luces de cores para a ponte das Correntes e brancas para a dos Tirantes
Por Oskar Viéitez |
-
Un convenio entre o Concello e a Deputación desatasca o proxecto para iluminar tres pontes sobre o Lérez
Por Natalia Puga |