Ponte Caldelas inaugura unha exposición fotográfica sobre o Sáhara
Por Redacción
O centro cultural de Ponte Caldelas acolle durante todo o mes de xullo a exposición da fotógrafa local Elena Buch integrada por imaxes tomadas no campamento de saharauís de El Aaiun, en Alxeria.
A artista caldelana acolleu hai anos a un neno do Sahara ao que prometeu devolverlle a visita. No 2016 cumpriu a súa palabra e regresou a casa cunha maleta cargada de recordos e fotografías. A mostra foi inaugurada este venres polo alcalde Andrés Díaz a quen a autora lle explicou a situación dos campamentos saharauís instalados hai medio século en chan alxerino e nos que as condicións de vida son moi precarias.
A mostra componse dunha trintena de fotografías que reflicten a vida dunha familia de dous homes e cinco mulleres. A maior parte das instantáteneas están en cor, pero hai un pequeno grupo delas en branco e negro con copias positivadas pola autora.
Baixo o título, Sahara é nome de muller, a exposición busca reivindicar o papel das mulleres. Ademais a súa estancia no campamento levouna a tomar conciencia dos problemas dun pobo que continúa sen ver recoñecidos os seus dereitos e que sobrevive nun dos lugares máis inhóspitos da terra.