Xulgan un pai por abusar sexualmente da súa filla desde os seis anos
Por Natalia Puga
Un home sentará a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por presuntamente abusar sexualmente da súa filla menor de idade desde que tiña seis anos.
A Fiscalía considera que é autor dun delito continuado de abusos sexuais a unha menor de dezaseis anos e pide que sexa condenado a seis anos de cárcere e a oito anos de liberdade vixiada despois de recobrar a liberdade.
Ademais, o fiscal pide á Sección Segunda da Audiencia que lle impoña a obrigación de participar en programas formativos de educación sexual, que lle prive da patria potestade e quede inhabilitado para calquera profesión ou oficio que conleve contacto regular e directo con menores de idade durante 11 anos.
A solicitude de condena complétase coa prohibición de achegamento e comunicación á menor durante 10 anos e a reclamación da Fiscalía de que o acusado indemnice á súa filla con 5.000 euros.
O escrito de acusación da Fiscalía recolle que o acusado actuou co propósito de satisfacer os seus desexos sexuais e en numerosas ocasións realizou tocamentos na zona vaxinal á súa filla. Os feitos prolongáronse no tempo desde que ela tiña 6 anos ata o 29 de abril de 2017.
Os feitos ocorreron no sur da provincia de Pontevedra, pero non se facilitarán máis detalles en aplicación do Estatuto da Vítima, en atención á natureza sexual do delito e porque a difusión deses datos podería afectar á intimidade e indemnidade sexual da menor.