Hipotecas, propiedades, fondos no banco... consulta o patrimonio dos políticos pontevedreses
Por Natalia Puga
Os bens e actividades alleas á vida política dos 25 concelleiros que forman parte da nova Corporación Municipal de Pontevedra para o período 2019-2023 xa están dispoñibles no apartado de transparencia da web municipal e permiten descubrir curiosidades como que nove deles non teñen ningunha débeda adquirida, xa sexan hipotecas ou préstamos persoais, ou que no PP están os edís con maior e menor patrimonio, Juanma Muñoz e Guille Juncal, respectivamente.
O lector pode consultar nesta ligazón todos os datos facilitados en virtude da Lei de Transparencia, pero, a modo de resumo, nesta información facilitaranse os detalles básicos.
Os nove edís que carecen de obrigacións financeiras son, como sucede no conxunto da sociedade, os de maior e menor idade da Corporación: Anabel Gulías, Eva Vilaverde, Alberto Oubiña, Carme da Silva, Raimundo González e Pilar Comesaña polo BNG; Guille Juncal e Pablo Fernández polo PP; e Goyo Revenga, único edil de Cidadáns.
O tres máis novos, ademais, carecen de propiedades inmobiliarias. Trátase de Guille Juncal do PP e Alberto Oubiña e Anabel Gulías polo BNG. A edil nacionalista Eva Vilaverde ten unha finca rústica valorada en sete euros e tampouco ten bens ao seu nome a edil do PSOE Yoya Blanco.
Por cantidade de patrimonio, Juama Muñoz, que se estrea na Corporación, ten o maior, valorado en 317.686,6 euros. Ten cinco fincas urbanas valoradas en 496.442 euros, tres delas ao 50%, 25.500 euros no banco e 13.143 euros en plans de pensións. Cabe apuntar, iso si, que ten dous préstamos persoais e unha hipoteca de 67.201 euros.
Rafa Domínguez, portavoz do PP, é o segundo, cun patrimonio de 301.289 euros, unha parte importante en tres fincas urbanas ao 50% valoradas en 378.579 euros. Ademais, suma 100.000 euros na conta corrente e unha débeda asumida co banco de 128.172 euros. Este edil recibiu da súa familia durante o pasado mandato 250.000 euros.
A edil socialista Yoya Blanco, nova na Corporación, é a terceira. Declara bens por 269.059 euros a pesar de carecer de bens inmobles. A maioría, 235.765 euros. teno en plans de aforro e debe ao banco 32.736 euros.
O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), declara tres fincas -dúas urbanas e unha rústica- ao 50%, polas que paga dúas hipotecas. Ten tamén un préstamo persoal, escasos 1.500 euros no banco e un seguro sanitario de 4.150 euros.
Demetrio Gómez (BNG) ten unha finca urbana ao 50% e 25.000 euros en patrimonio mobiliario; Cesáreo Mosquera (BNG), tres fincas urbanas, das que dúas son ao 50%, e 9.500 euros no banco; Carme da Silva (BNG), unha finca urbana ao 50% e 35.000 euros no banco; Raimundo González (BNG), tres fincas urbanas herdadas ao 50% e 68.324 en contas correntes; Carmen Fouces (BNG), unha finca urbana ao 60% e 4.060 euros no banco; Pilar Comesaña (BNG), unha finca urbana, 3.000 euros en contas e 5.907 nun paln de pensións; e Xaquín Moreda (BNG), unha finca urbana ao 50%, 3.613 euros no banco e 2.263 euros nun plan de pensións.
Pepa Pardo (PP) declara a totalidade dunha finca urbana e outra ao 50%, 63.773 euros en contas correntes e 721 nun plan de pensións; Pablo Fernández (PP) ten unha finca urbana e 16.000 euros no banco; Ana Isabel Vázquez (PP) declara dúas fincas urbanas ao 50%, 29.757 euros no banco e 21.323 nun plan de pensións; Gerardo Pérez Puga (PP) ten dúas fincas urbanas ao 50%, 8.700 euros no banco, 9.950 nun plan de pensións e 19.200 en accións; Martín Martínez (PP) ten unha finca urbana e 7.358 euros no banco; e Silvia Junco (PP), unha finca urbana ao 50% e 9.192 euros no banco.
O portavoz do PSOE, Tino Fernández, declara unha finca urbana ao 50% e 12.778 euros no banco; Iván Puentes (PSOE) ten 16 fincas rústicas, todas menos una ao 50%, valoradas nun total de 44.075 euros, 32.092 euros no banco, unha herdanza de 61.935 euros, un depósito de 30.895 euros e un seguro de vida de 88.662 euros; e Paloma Castro (PSOE), ten unha finca urbana ao 50%, 3.436 euros no banco e un Seguro Fidelidade Hogar valorado en 117.769 euros.
Goyo Revenga ( Cs) declara a propiedade dunha óptica, dúas fincas urbanas e unha rústica de propiedade compartida, 28.038 euros no banco e dous coches.
Todos os concelleiros facilitaron os seus datos en virtude do artigo 75.5 da Lei de bases de réxime local, quel obriga a todos os membros das Corporacións para formular, antes da toma de posesión e cando se produzan variacións ao longo do mandato, declaración dos seus bens e das actividades privadas que lles proporcionen ou poidan proporcionar ingresos económicos.
Os edís tamén deben facilitar datos sobre as actividades que afecten o ámbito de competencias da Corporación e deben pedir autorización ou recoñecemento da compatibilidade para exercer outra actividade, pero ningún dos políticos pontevedreses o solicitou.