Os alcaldes de Cuntis e Vilaboa fórmanse sobre ecoloxía e saúde en Madrid
Por Redacción
Os núcleos rurais manteñen unha estreita relación coa natureza que os rodea. Coñecer a importancia desta infraestrutura verde e os riscos da interacción entre humanos coa flora e fauna da súa contorna é sobre o que trata a Xornada de Biofilia e Promoción da Saúde na que están a participar os alcaldes de Cuntis e Vilaboa, Manuel Campos e Francisco Costa, en Madrid.
O evento está organizado pola Rede Española de Cidades Sustentables e está dirixida a responsables técnicos e políticos de entidades locais. Coñecer a contorna natural que rodea as cidades para potenciar os seus beneficios e reducir os seus riscos é o principal alicerce sobre o que pivota a xornada.
Durante todo o día, expertos en ámbitos como as alerxias, a actividade física, as interaccións entre animais e humanos impartiron charlas e deron consellos e información útil aos asistentes para a posta en marcha de iniciativas saudables e naturais nos concellos.
A ecoloxía, o coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático é unha das bases do programa de goberno do rexedor cuntiense.