Preocupación entre os traballadores do cárcere da Lama por un interno que protagoniza sete altercados nun mes
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os sindicatos Acaip e UGT volveron denunciar problemas de seguridade para os traballadores no interior do centro penal da Lama e a súa preocupación pola falta de medios que garantan que poidan realizar o seu traballo con tranquilidade e sen riscos.
A denuncia non é nova, senón que levan meses relatando incidentes de falta de seguridade. Nesta ocasión, volveron a saír á palestra por mor da presenza no penal dun interno que protagonizou sete altercados reximentais en menos dun mes.
O último destes incidentes produciuse o pasado domingo 30 de xuño. O interno, clasificado en primeiro grao penal e situado no departamento de illamento pediu a presenza dos funcionarios que prestaban servizo ese día porque tragou sete pilas e introduciuse unha balea metálica de 8 centímetros no pene.
Cando ía ser desprazado a un centro médico externo, e mentres esperaba no departamento de Ingresos, comezou a golpear as dependencias nas que se atopaba. A berros, e nun estado de máxima alteración, insultou e ameazou os funcionarios, esixindo aos mesmos que lle proporcionen tabaco.
O estado de agresividade fixo que os funcionarios tivesen que intervir para controlar a situación. Varios deles resultaron contusionados de forma leve.
Cinco días antes, o pasado día 25 de xuño, este mesmo interno xa avisara aos funcionarios da quenda de noite porque se introducira obxectos no pene. Engadiu que tiña 'mono' de tabaco e esixiu baixar ao Hospital Provincial.
Cando os funcionarios acudiron á cela atopáronse con que os enchufes e tomas corrente estaban esnaquizados, arrincara a pletina da interfonía e estaba armado cunha balea metálica de grandes proporcións. Á súa chegada, ameazounos. Os funcionarios lograron controlar a situación e o interno foi trasladado a un centro médico de madrugada.
Os sindicatos indican que este tipo de internos é habitual desde que a Secretaría General de Instituciones Penitenciarias suprimiu prazas en centros máis adecuados e preparados para tratar este tipo de patoloxías que puidesen ser de carácter psiquiátrico. O resultado é que os módulos de cumprimento especial e os módulos de enfermería pasan a ser auténticas polvoreiras con internos de comportamento imprevisible que poñen en perigo a seguridade dos traballadores e do resto de reclusos.
Detrás desta situación tamén está a falta de persoal, de modo que os sindicatos aproveitan para pedir que se complete a relación de postos de traballos (RPT) e se cubran as máis de 50 vacantes existentes na área de vixilancia da Lama.
Relacionadas:
-
Os funcionarios da Lama, sen "nada que celebrar", volven denunciar a "alarmante" falta de persoal
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os sindicatos protestarán no acceso ao cárcere da Lama contra a xestión do Goberno en materia penitenciaria
Por Redacción |
-
Dous presos perigosos rebélanse nas súas celas da Lama e agriden os funcionarios que van reducilos
Por Natalia Puga |