O tesoureiro dunha comunidade de montes de Vilagarcía acepta 21 mes de prisión por falsidade e estafa
Por Natalia Puga
O tesoureiro da comunidade de montes de San Martiño de Sobrán, en Vilagarcía, entre os anos 1993 e 2011 recoñeceu este martes apropiarse de 45.075 euros da entidade e aceptou unha condena a 21 meses de prisión e o pago dunha multa de 810 euros.
José Ramón R.R. sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e asumiu ser autor dun delito dun delito continuado de falsidade en documento mercantil en concurso con outro continuado de estafa.
Previamente, alcanzara un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que se beneficiou dunha redución da pena inicial de prisión á que se enfrontaba, catro anos e medio. Tras subscribir o acordo, aplicáronlle as circunstancias atenuantes de reparación do dano e dilacións indebidas.
Ademais, a Fiscalía mostrouse partidaria da suspensión da pena para que o acusado evite o ingreso en prisión. Suspenderase durante tres anos coa condición de que non cometa ningún delito durante ese período e abone a responsabilidade civil que lle impuxeron. En concreto, deberá indemnizar á comunidade de montes con 60.000 euros.
A acusación da Fiscalía coa que se conformou recolle que entre o 5 de marzo de 1993 e o 31 de xullo de 2011 ostentou o cargo de tesoureiro na Comunidade de Montes en Man Común de San Martiño de Sobrán e ata o mes de xaneiro de 2007 apropiouse con diñeiro da comunidade por distintos medios.
Neses 14 anos (1993-2007), con ánimo de ilícito enriquecemento, aproveitando o libre acceso á documentación e datos da comunidade, e sen o coñecemento nin consentimento da presidenta, nin das persoas que compoñían a xunta reitora, acudiu con frecuencia ás diferentes oficinas do banco de Vilagarcía no que a comunidade tiña unha conta, simulou a firma da presidenta e retirou distintas cantidades de diñeiro.
Ademais, en calidade de tesoureiro e sen o coñecemento nin consentimento da comunidade de montes nin da xunta reitora, abriu unha conta bancaria e retirou os intereses xerados, facéndoos seus. En total, retirou 90.000 euros.
Outro método para facerse con diñeiro da comunidade foi abrir sen consentimento unha conta e efectuar un traspaso por importe de sete millóns e medio de pesetas (45.075,90 euros) desde a conta da comunidade a esta nova.
Os primeiros 90.000 euros dos que se apropiou devolveunos, pero non estes 45.075,90, que son polos que acaba de ser condenado.