Doce establecementos hostaleiros participan nun novo Caldelas Tapas
Por Redacción
Un total de 12 locais de hostalería participan nunha nova edición do certame Caldelas Tapas, un evento que supón un movemento dunhas 10.000 tapas vendidas cada ano. Comezará este venres, día 5 de xullo, e repetirá os días 19, 26 e, finalmente, o 2 de agosto. Tan só faltará o 12 de xullo pola coincidencia coa Festa Gastronómica do Emigrante.
Os participantes deste ano son O Recanto (Sabores da ría), Tapería Klimbim (Alemanas), Pastelería Acuña (Bocado campestre), Cervexaría Alameda (Verano en la plaza), Verdugolandia (Solomillo a mi manera), Restaurante 501 (Caballitos de mar en su medio), La Terracita (Volcán de sabor), Tapería Victoria (Capricho galego), Asador del Chavo (Diamante negro), Albergue Jamarte (Rollito 3.0), La Tribu (Tosta de marisco) e Bar Parada (Calamar San Juan).
O Concello xa dispón do cartel con todas as tapas a concurso, que se colocará na porta dos establecementos participantes, así como no comercio local e nos puntos informativos.
O primeiro paso do certame foi a cata por parte do xurado profesional que determina o establecemento gañador. Este ano o xurado estivo presidido por Xosé Cannas (Pepe Vieira), cociñeiro cunha estrela Michelín e que rexenta o seu restaurante en Raxó.
Ao seu lado estiveron Sergio Orge (varias veces gañador do concurso de tapas de Galicia e actualmente xerente do restaurante A Eira, de Barro) e Conchi Amoedo, reposteira local responsable de Pica e Peca.
O fallo do xurado, unha vez valoradas as tapas, quedou depositado nun sobre lacrado que será aberto a principios de agosto nun acto público.
O xurado valorou especialmente a calidade das propostas gastronómicas dos concursantes e salientou tamén a abundancia das tapas, que se venderán ao prezo de 1,50 euros, bebida á parte e que, nesta ocasión, veñen co marisco como protagonista.
Relacionadas:
-
Verdugolandia repite triunfo no ‘Caldelas Tapas’ co bocado ‘Carrilleiras do Verdugo’
Por Redacción |
-
Verdugolandia gaña o Caldelas Tapas deste verán
Por Almu Dapena |
-
Unha reinterpretación da bullabesa marsellesa triunfa no Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
O albergue Jamarte vence no concurso de tapas de Ponte Caldelas
Por Redacción |