Galicia recibe as súas 171 Bandeiras Azuis e avisa: "Queremos seguir acrecentando esa cifra"
Por Alejandro Espiño
As Bandeiras Azuis que ondearán este verán na costa galega xa están en mans dos seus respectivos concellos. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este venres en Arteixo (A Coruña) o acto de entrega destes distintivos de calidade. Son 171 en total os que conseguiu Galicia este ano, converténdonos un ano máis na comunidade autónoma con máis Bandeiras Azuis nas súas costas.
En concreto, son 127 praias, 17 portos deportivos, 13 centros, 11 sendeiros e tres iniciativas mediambientais as que lucirán a Bandeira Azul este verán. Son, segundo Feijóo, "froito do traballo ben feito e coordinado entre as administracións, de amor e respecto polos recursos propios, e de ollada ao país con visión de futuro". Unha cifra que, sinalou, a Xunta quere aumentar xa que "temos a vontade de seguir acrecentado esa cifra".
A xuízo de Alberto Núñez Feijóo, que Galicia recolla case a cuarta parte das Bandeiras Azuis das prayas españolas, é síntoma da preocupación da sociedade galega pola riqueza natural. Nese sentido, destacou que a Xunta coñece a vontade común dos galegos de "legar ás xeracións vindeiras un desenvolvemento coidadoso e respectuoso da riqueza territorial", e que por iso, centrou os seus esforzos "en dotar as distintas administracións dos instrumentos e recursos precisos para darlle cumprimento".
No seu discurso, o titular da Xunta apuntou que os grandes eventos deportivos e as cada vez máis frecuentes referencias ás praias e os portos galegos nas publicacións especializadas "constitúen unha posibilidade inédita de proxección internacional que non debemos desaproveitar". A ese respecto, sinalou que "as 127 bandeiras son a mellor carta de presentación para ofrecer esta Comunidade como opción turística atractiva".
Entre os asistentes ao acto de entrega de Bandeiras Azuis en Sanxenxo estaban tamén os conselleiros de Medio Ambiente e Mar, Agustín Hernández e Rosa Quintana, respectivamente, así como gran parte dos alcaldes dos municipios pontevedreses galardonados con este distintivo como Bueu, Cangas, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e O Grove.
IZADO DE BANDEIRAS EN SAN VICENTE DO MAR
Precisamente o rexedor de O Grove, Manuel Pérez, presidiu pola tarde o izado da Bandeira Azul e da Q de Calidade no Porto Deportivo de Pedras Negras. Estivo acompañado, entre outros, pola secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Todos eles destacaron a importancia destes distintivos para as Rías Baixas.
"Demostramos que fixemos os deberes e que as nosas praias e portos cumpren con todos os estándares de calidade", destacou Nava Castro. Segundo a secretaria xeral de Turismo, as Bandeiras Azuis que ondearán nas costas galegas, unido á "hospitalidade" de Galicia e a esta aposta pola calidade, permitirá que aqueles turistas que buscan sol e praia "pensen cada vez máis en nós para pasar as súas vacacións".
Relacionadas:
-
Sanxenxo quere seguir sendo azul e pide renovar as súas 16 bandeiras
Por Redacción |
-
As oficinas municipais de turismo de Vilagarcía pechan a mellor tempada de verán dende 2006
Por Redacción |
-
Pontevedra suma catro novas Bandeiras Azuis, con Sanxenxo (14) liderando o ranking español
Por Alejandro Espiño |