Ponte Caldelas converte o programa de festas na 'Constitución Caldeñola'
Por Redacción
Toda a veciñanza de Ponte Caldelas contará cunha 'carta magna' que recolle as obrigas e dereitos para gozar das festas da vila. O programa dos festexos de verán converteuse este ano na 'Constitución Caldeñola', un documento que xunta as máis de 80 actividades que se ofrecerán nos próximos meses.
Este extenso calendario de festas arrancou o pasado 15 de xuño e prolóngase ata principios de setembro cunha andaina.
O goberno local volve apostar por unha presentación creativa do programa para non deixar indiferente a ninguén. A iniciativa de disfrazar o programa de man das festas comezou hai dous anos co 'dinamical forte', continuou o ano pasado co 'códice caldelino' e este ano convértese nunha lei de leis.
A 'Constitución Caldeñola' de 2019, sublíñase na presentación do programa, "é a norma suprema e fundamental para gozar das festas de Ponte Caldelas" e consagra como deberes achegarse aos atractivos da localidade, comprobar o carácter aberto das súas xentes e participar no máximo número de actividades posible.
No seu preámbulo destaca que o pobo caldelán, "desexando establecer o lecer, a liberdade para encher o tempo libre con actividades de calidade e a soberanía para programar as súas festas, proclama a súa vontade de facer o posible para que Ponte Caldelas non só estea de moda, senón que o siga estando moitos anos máis".
Esta singular carta magna, que contén un índice dividido en 10 títulos e se remata coas súas disposicións adicionais, transitorias e derrogatoria, inclúe epígrafes específicos para a Festa Gastronómica do Emigrante (12-14 de xullo) e para as Festas das Dores (23-27 de agosto).
O programa inclúe as actuacións da orquestra SonDeSeu, o festival Caldelas Xoven (cun cartel que encabeza Famous, gañador de Operación Triunfo), Olympus e El Combo Dominicano. Haberá tamén unha Holi Party, un feixe de propostas para os máis cativos e un protagonismo especial para a cultura, coa programación teatral por bandeira.
A 'Constitución Caldeñola' terá unha tirada de 10.000 exemplares porque está pensado para ser repartido non só por Ponte Caldelas, senón tamén por oficinas de turismo e establecementos hoteleiros das cidades próximas.