O deficiente estado do tendido eléctrico de San Vicente do Mar provoca dous incendios forestais
Por Redacción
A Policía Autonómica logrou esclarecer dous incendios forestais rexistrados a principios deste mes de xuño en San Vicente do Mar, no Grove, e concluíron que os dous tiveron a súa orixe no tendido eléctrico e, en concreto, nas deficiencias detectadas no seu mantemento.
Funcionarios da Policía Autonómica de Pontevedra abriron unha investigación en relación coa empresa titular da liña de tendido eléctrico, que causou dous incendios o mesmo día. En concreto, rexistráronse o 13 do presente mes nos lugares de Balea e a Lanzada, na parroquia de San Vicente.
Segundo a información facilitada, o lume iniciouse ao posarse unha ave nunha das torres eléctricas, afectando a unha superficie de 0,27 hectáreas de superficie arborada e 0,07 de superficie rasa.
Na extinción foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.
Os policías realizaron unha inspección ocular dos incendios, xunto, con axentes medioambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural e observaron deficiencias no mantemento dos elementos illantes, e no trazado da liña, que non estaba limpo de combustible vexetal.
As dilixencias instruídas pola policía foron remitidas ao Xulgado de Garda de Cambados.