Comeza o primeiro mandato en solitario do BNG en Barro
Por Redacción
O novo ciclo político botou a andar este xoves no Concello de Barro coa celebración do pleno de organización da corporación municipal no que quedaron fixadas as retribucións por asistencias aos órganos colexiados, a repartición de áreas e a aprobación dunha única dedicación exclusiva que, como no anterior mandato, recae no alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes.
O executivo local quedou conformado, ademais de polo rexedor, polos concelleiros do BNG Rocío Martínez, encargada da área de Participación Veciñal e Festas; Roberto Rivas, responsable de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística; Amelia Cancela, que mantén a súa ocupación en Benestar Social, Educación e Sanidade; Ivan Belo, titular de Obras e Servizos, Medio Rural e Deportes; e Adrián Silva, á fronte de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Mocidade.
Como é habitual no municipio, os plenos ordinarios seguirán celebrándose cada dous meses e as retribucións dos edís por asistir a estas sesións mantense en 30 euros por Comisión Informativa, 50 euros por Xunta de Goberno e 100 euros por asistencia aos plenos.
O soldo do alcalde tamén se mantén sen cambios, nos 31.139 euros. Os tres tenentes de alcalde designados polo rexedor e que formarán tamén parte da Xunta de Goberno son Roberto Rivas, Amelia Cancela e Ivan Belo.
Ao mesmo tempo, o pleno serviu para aprobar a constitución de dúas comisións informativas. A de estudo e informe de asuntos do pleno e a especial de contas. Ambas estarán compostas por tres membros do BNG, dous do PP e un do PSOE.