Cuntis actualiza o funcionamento da nova Corporación
Por Redacción
O Concello de Cuntis celebrou este mércores un Pleno Extraordinario no que se abordaron asuntos de carácter organizativo para fixar todos os aspectos relativos ao funcionamento da Corporación.
Deste xeito foi aprobada a composición da xunta de Goberno local e das comisións informativas, así como a constitución dos grupos políticos municipais, o nomeamento de representantes nos órganos colexiados, dietas por asistencias, áreas de goberno, entre outros temas.
En canto ás retribucións, o alcalde Manuel Campos contará cunha dedicación exclusiva pola que percibirá 32.792,76 euros brutos anuais.
Os concelleiros membros da xunta de goberno ingresarán 60 euros brutos pola asistencia, a participación nos plenos supoñerá 50 euros por cada sesión e as comisións informativas conlevan unha asignación de 30 euros cada unha que ascenden a 50 euros para a persoa que asuma a presidencia da mesma.
Cabe destacar que estas retribucións atopábanse ata este momento en 20 euros por comisión e 30 por cada pleno corporativo pois facía máis de tres mandatos que se mantiñan conxeladas as indemnizacións por asistencia aos órganos municipais.
O goberno local explicou que agora as asistencias iguálanse a outros concellos da mesma categoría da contorna polo que entenden que era necesaria esta revisión.