A calor e os socorristas desembarcan nas praias
Por Manu Otero
O tempo estival fíxose esperar pero xa está aquí. Trala inestabilidade dos últimos días, os ceos amenceron hoxe despexados e as temperaturas experimentaron un notorio subidón. Nas previsións de Meteogalicia para os próximos días na cidade xa non hai nubes nin choiva, espéranse ceos despexados e temperaturas que roldarán os 30 graos. Este esperado ascenso das temperaturas coincide coa chegada da tempada alta e o desembarco de socorristas nas principais praias da ria de Pontevedra.
No concello de Sanxenxo os vixiantes comezaron a traballar a pasada fin de semana, pero o groso da plantiila incorpórase esta fin de semana para velar pola seguridade das catorce praias nas que ondean este ano a bandeira azul. Na beira oposta da ría, o Concello de Marín incorporará esta fin de semana aos 21 vixiantes que patrullarán os areais de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira. A posta en marcha do servizo de salvamento na costa de Poio ou Bueu dilatarase uns días máis, e non empezarán a patrullar sobre a area hasa o luns 1 de xullo. O mesmo sucede na praia fluvial de Pontevedra, aínda que na de Ponte Caldelas lévano facendo desde o 15 de xuño.
As altas temperaturas tardaron en chegar, pero segundo Meteogalicia o tempo cálido instálase hoxe na ría para quedar unha boa tempada. As temperaturas pouco teñen que ver coa onda de calor que arrasa o resto de Europa, pero serán o suficientemente altas como para animar a acudir ás praias. Para a xornada de hoxe espéranse as temperaturas máis moderadas, pero a partir do sábado o mercurio experimentará un claro ascenso con máximas que alcanzarán os 30 graos. Un rexistro que se repetirá nas horas centrais do día ata o mércores, cando a calor dará unha pequena tregua cun lixeiro descenso das temperaturas.
Relacionadas:
-
Marín consegue vixiantes para a praia do Santo despois de perder a bandeira azul
Por Manu Otero |
-
Sanxenxo volve izar a bandeira azul na Panadeira máis dunha década despois
Por Redacción |
-
Poio iza a bandeira azul en Cabeceira
Por Manu Otero |
-
A praia de Loira xa presume da súa bandeira azul
Por Redacción |
-
O sol e a calor deixan paso a unha semana de inestabilidade e baixada brusca de temperaturas
Por Redacción |