Así cambiou a atención aos xurados na Audiencia de Pontevedra: de dous días sen auga nin comida decente a un trato atento
Por Natalia Puga
O balbordo e o malestar xerado nas últimas semanas na Audiencia Provincial de Pontevedra a raíz do trato recibido polos membros do xurado do coñecido como crime da rozadora da Cañiza parece superado. Esta semana xulgouse o primeiro caso por tribunal popular desde aquela polémica e fontes xudiciais confirman que houbo unha "transformación completa".
A polémica en cuestión comezou porque os nove titulares e dous suplentes daquel xurado pasáronse dous días enteiros deliberando nos que nin sequera se lles forneceu un elemento tan básico como botellas de auga. Ademais, víronse na tesitura de que, chegada a noite, non tiñan veredicto, de modo que tiñan que quedar incomunicados e durmindo nun hotel e atopáronse ás tantas da noite sen cuarto reservado nin nada para cear.
O malestar non tardou en facerse notar no seo da Audiencia Provincial de Pontevedra e todas as fontes consultadas responsabilizaron directamente á Xunta de Galicia, administración responsable de dotar dos medios necesarios ás persoas que forman parte dun tribunal popular, que nin sequera lles garantiu que eses dous días tivesen comida decente.
O asunto chegou ao Parlamento de Galicia a través da deputada socialista por Pontevedra Patricia Vilán e xerou unhas controvertidas declaracións do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, que responsabilizou ao persoal da Audiencia e afirmou que na Xunta de Galicia o persoal "traballa como mínimo ata as tres", pero "non se se na Audiencia tamén".
As críticas e peticións de dimisións non tardaron en chegar desde distintas asociacións do ámbito da Xustiza e finalmente Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e máximo responsable político de Xustiza en Galicia, acabou recoñecendo o erro neste caso e pediu desculpas públicas aos integrantes do xurado popular.
Mesmo se abriu un expediente gubernativo no TSXG para investigar as causas desta desatención e depurar responsabilidades.
Ademais das esperadas desculpas, esta semana confirmouse que algo cambiara tras polémica. O luns comezou un xuízo con xurado contra un funcionario da Subdelegación do Goberno acusado de suborno por pedir "regalitos" para tramitar permisos de residencia e o primeiro día, nada máis chegar, xa tiveron botellas de auga, café e croissant para almorzar.
Nesta ocasión o xuízo celebrouse na mesma sección que o anterior, a Segunda da Audiencia, cuxo letrado da Administración de Xustiza viuse obrigado a xestionar un hotel ás once da noite e acompañar aos xurado escoltados pola Policía Nacional a buscar un bocadillo para cear. Nesta ocasión, non foi necesario nada semellante.
Os xurados deste novo xuízo non quedaron a durmir, pero na xornada do martes non tiveron veredicto ata pasadas as 14.30 horas, de modo que si se lles facilitou unha comida nun hotel próximo.
"Notouse moito o cambio", indicaron todas as fontes consultadas por PontevedraViva, que aplauden a nova actuación da Xunta de Galicia, que realizou todas as xestións necesarias para que os integrantes do tribunal popular tivesen un trato adecuado.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda pide desculpas en nome da Xunta pola desatención do xurado popular no xuízo do crime da rozadora
Por Redacción |
-
Piden a dimisión do director xeral de Xustiza por cuestionar os horarios dos funcionarios
Por Redacción & Natalia Puga |
-
As "andrómenas" do director xeral de Xustiza, que cuestionou o traballo dos funcionarios e causou enfado na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios de Xustiza piden a dimisión do director xeral pola polémica dos xurados da Audiencia
Por Redacción |
-
Xustiza culpa á Audiencia da deficiente atención ao xurado do crime da rozadoira
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE leva ao Parlamento os problemas vividos polos xurados: "Vai depurar responsabilidades a Xunta?"
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |