Pontevedra prepárase para un novo subidón de turistas
Por Manu Otero
A provincia de Pontevedra está preparada para o habitual desembarco de turistas, cada vez máis numeroso, dos meses de verán. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, detallou esta mañá as previsións mensuais, por tipo de aloxamento e por comarcas, sobre a ocupación dos diferentes establecementos.
A principal conclusión que se desprende das enquisas realizadas polo Observatorio Turístico da provincia é que a ocupación media que se espera nos hoteis da provincia é do 68%, no mes de xullo prevén un 62% e para agosto, un 71,5%. "Son previsións prudentes, á baixa, os resultados serán superiores", dixo a presidenta antes de pasar a expoñer as previsións por comarcas e a contrastalos cos datos definitivos da tempada pasada.
No caso dos hoteis, Turismo Rías Baixas espera unha ocupación do 65,8% para o mes de xullo e un 73,8% para o de agosto na comarca de Pontevedra. Na do Salnés, as previsións marcan un 62,7% para xullo e un 77,5% para agosto. Para O Morrazo, os agoiros son aínda máis positivos cunha ocupación do 74,3% para xullo e un 84,2% en agosto. Tamén en Caldas hai motivos para o optimismo, pois a ocupación situarase nun 76,1% en xullo e nun 75,8% en agosto.
O imparable éxito do Camiño de Santiago fai que as previsións de ocupación nos albergues sexan extraordinarias e no global da provincia superan o 70% de ocupación para os meses máis potentes do verán. Nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo está previsto que a ocupación no mes de xullo rolde o 78% e en agosto, o 81%, mentres que en Caldas situaranse ao redor do 90%.
No referente aos cámpings, o mes de agosto na comarca do Morrazo baterá récords, posto que estes establecementos vaticinan unha ocuapción máxima, mentres que en xullo roldará o 65%. No Salnés, xullo encherase o 64% das prazas e en agosto, o 77% segundo estas sondaxes. En canto ao turismo rural, a ocupación media na provincia situarase en 61% en xullo e 76,5% en agosto.
Aínda que o mes de xuño aínda non está pechado, a presidenta xa coñece os datos provisionais. Lamentou Silva que as predicións meteorlóxicas castigaron á provincia con anuncios constantes de choivas, "o cal non aconteceu polo que fago un chamamento para que quen analiza a meteoroloxía teña en conta o clima específico da provincia". Aínda así, a ocupación media da provincia roldará o 56%, na comarca de Pontevedra, o 49%; no Morrazo, 68%: e no Salnés, 69,6% e en Caldas, 64,2%.
O perfil maioritario de turista que estivo na provincia este mes é español (72,9%) precedente normalmente de Madrid, aínda que tamén son habituais as visitas ás oficinas de turismo de sevillanos, gaditanos, burgaleses ou lucenses. O turismo estranxeiro segue crecendo e alcanza o 27%, a maior parte deles proceden de Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia ou Arxentina. Co obxectivo de coñecer en profundidade o comportamento e as motivacións dos visitantes, a Deputación fará un estudo sociolóxico entre os asistentes aos festivais Rías Baixas.
A chegada da tempada alta é sinónimo de baixada do paro. Silva aludiu a un informe de Adecco no que sitúa á provincia de Pontevedra como a que máis emprego creará das catro provincias galegas este verán, ademais sitúase como a novena en ranking estatal.
As empresas da provincia asinarán uns 36.000 contratos segundo este informe, o que supón un crecemento do 15% en comparación co verán anterior. "O único pero é que se trata de emprego coxuntural, eu agardo que sexan contrator de maior duración, con máis dereitos e de maior calidade", demandou a presidenta Carmela Silva.
DEBUXA A TÚA PROVINCIA
A presidenta da Deputación entregou esta mañá os premios aos gañadores do concurso infantil de debuxo "Debuxa a túa Provincia" no que participaron decenas de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 14 anos de todos os recunchos da provincia. Rodeada dos concursantes e as súas familias e diante dun mural composto por boa parte das obras dos pequenos, Carmela Silva nomeou aos premiados, presentou os seus debuxos e fíxolles entrega dun diploma e dun vale para gozar coas súas familias de diversas experiencias relacionadas co turismo e o patrimonio natural e cultural da provincia.
Na categoría de menores de seis anos, a gañadora foi Martina Fernández, de cinco anos, que debuxou un colorido ponte de Rande con todo luxo de detalles. A pontevedresa Alba Fernández (10 anos) e Nicolás Bouzón (6 anos), natural de Soutomaior, foron os triunfadores no grupo de idade comprendido entre os 6 e 11 anos. A primeira debuxou unha minuciosa colaxe con diversos elementos característicos de Pontevedra e a súa provincia, mentres que o segundo plasmou unha escena de marisqueo na praia de Arcade. Andrea López (12 anos) foi a mellor entre os participantes dos 12 a 14 anos grazas a un realista debuxo dun castelo a pé de mar e rodeado de natureza.
Para os máis pequenos, a experiencia consiste na asistencia a un taller de marisqueo; os medianos teñen asegurada unha saída polas rías nun barco científico; e a de máis idade poderán asistir a unha excursión pola Illa de San Simón.
Relacionadas:
-
RADIO.- Tamén hai un turismo de luxo que escolle as Rías Baixas
Por Marisa Ciordia |
-
A Deputación desconfía das cifras de turismo da Xunta: "eses datos nin me cadran nin os miro na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A Deputación espera unha ocupación hostaleira dun 55 % para o mes de xuño nesta provincia
Por Oskar Viéitez |