Comeza a prestar servizo a ambulancia medicalizada do 061 con base en Sanxenxo
Por Redacción
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incorpora desde o 28 de xuño, e ata o 1 de setembro unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base en Sanxenxo debido ao aumento da poboación flotante na zona durante a época estival.
Así, o 061 de Galicia contará durante as 24 horas, nos meses de verán, cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo que dará cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia.
A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base en Sanxenxo conta cun equipo humano composto por un médico e un enfermeiro especializados na atención sanitaria en situacións de emerxencia e dous técnicos en emerxencias sanitarias. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado ao centro hospitalario.
No pasado verán esta ambulancia mobilizouse en 299 ocasións e asistiu a 244 persoas.
Relacionadas:
-
Denuncian longas colas no PAC de Baltar e advirten de que o verán de 2021 "pode ser con moito o peor das últimas décadas"
Por Redacción |
-
Telmo Martín chama "populistas de merda" aos que critican a sanidade pública galega
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os socialistas critican o "desinterese" do Concello de Sanxenxo polos problemas do PAC de Baltar
Por Redacción |