A Lama anima á mocidade a descubrir o patrimonio natural na súa oferta de ocio veraniego
Por Redacción
Paso a Paso é o nome do proxecto impulsado pola Oficina Municipal de Información á Xuventude da Lama que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades para mozas no rural. Trátase dunha iniciativa na que de forma gratuíta todos os participantes poderán adquirir novos coñecementos e compartir experiencias relacionadas co sendeirismo e patrimonio natural do municipio.
O plan contempla unha serie de actividades dedicadas especificamente para que persoas de todas as xeracións compartan talleres e excursións para aprender as nocións básicas de aplicacións relacionadas co medio natural como Google Maps, Wikiloc, Geocaching, marcaxe e sinalización, compases e outras aplicacións para móbiles como GPS Status ou Geo Tracker.
O coñecemento dos roteiros máis emblemáticos do municipio e compartir experiencias con clubs de natureza e blogues de senderistas son algúns dos obxectivos deste programa.
As actividades ao aire libre realizaranse nos próximos meses de xullo e agosto. Desde o Concello ven nestas actividades unha maneira de promocionar entre os mozos os valores ambientais, paisaxísticos e culturais do municipio, ao mesmo tempo que pontencian comportamentos e actitudes positivas entre a mocidade. Os interesados en inscribirse en calquera destas saídas, poden poñerse en contacto coa OMIX da Lama.