Globos brancos para concienciar contra a droga: "Traficantes de medio mundo seguen tendo a Galicia na súa diana"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ribadumia tomou este mércores a testemuña doutras localidades da comarca do Salnés que nos últimos anos se converteron en epicentro da concienciación social contra o tráfico de drogas. Este 26 de xuño acolleu o acto central organizado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico con motivo do día internacional contra o consumo indebido e o tráfico ilícito de drogas instaurado pola ONU.
Como cada ano desde hai trece, o acto, bautizado Panos Brancos contra a Droga, tivo como símbolo as bandeiras brancas como parte da aposta da FGCN por unha vida saudable, limpa, que enriquece ás persoas, fronte ao "escuro mundo das adiccións e o tráfico de drogas". Nesta ocasión, medio cento de rapaces de Ribadumia de entre 3 e 10 anos fixeron unha solta de globos brancos.
O acto contou coa presenza do presidente e o xerente da Fundación, Manuel Couceiro e Fernando Alonso; do xefe territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís; e do alcalde de Ribadumia, David Castro. Celebrouse, ademais, na Casa da Cultura da localidade coa asistencia de monitores e usuarios da Escola de Verán e a actuación da agrupación musico-cultural de Ribadumia.
Antes do inicio do mesmo, Couceiro sostivo que en Galicia segue a consumirse moita droga e iso quere dicir que segue entrando polas costas moita substancia e amosou a súa preocupación polo consumo de alcol e drogas entre os menores e entre os condutores. "O uso de alcol, drogas e condución é un cóctel molotov na xente moza", valorou, para pasar a insistir na relación directa entre consumo de alcol e drogas e a accidentalidade e en que adoita aumentar durante o verán.
Ademais, Couceiro alertou sobre o feito de que a idade de inicio de consumo de alcol nos rapaces é "alarmante", pois sitúase entre os 13 e os 14 anos, e tamén destacou que se consume moita cocaína, pero tamén anfetaminas e drogas sintéticas en xeral, "un perigo tremendo".
A Fundación leu un manifesto no que insistiu, precisamente, sobre ese aspecto e sobre os "malos tempos" nos que vive a sociedade actual, pois en moitos ámbitos asúmese como normal a inxesta de alcol e outras drogas coma sinónimo de diversión. Respecto disto, advirten de que o culto ó alcohol e outras sustancias comporta "graves danos" para a saúde das persoas, con implicación directa en accidentes de tráfico, violencia de xénero, abusos sexuais e mesmo fracaso escolar.
Os organizadores destacan que en Galicia seguen a confluír os problemas de adicción ás drogas xunto coa existencia de importantes redes criminais adicadas ó narcotráfico. No actual escenario de sobreproducción mundial, "traficantes de medio mundo seguen tendo a Galicia na súa diana e miles de quilos seguen entrando polas nosas costas cara Europa", denuncian.
Neste contexto, consideran que o rexeitamento social é un factor de suma importancia e no que Galicia "comeza a ser un referente". Así, ao seu xuízo, "atrás quedan os tempos nos que o narcotráfico contaminaba a toda a sociedade" e os galegos saben "desde fai moito tempo" que os narcotraficantes "non son heroes, nin filántropos, senón delincuentes rexeitados pola sociedade galega".
Relacionadas:
-
A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta reforzan a súa colaboración na xestión dos bens comisados
Por Redacción |
-
A Fundación Galega contra o Narcotráfico, distinguida pola súa loita contra a droga
Por Redacción |
-
Premian á Fundación Galega contra o Narcotráfico coa máxima distinción policial
Por Redacción |
-
Un convenio pioneiro en España permitirá axilizar a venda de bens de narcotraficantes
Por Redacción |