A nova sede do clube de piragüismo de Portonovo estará lista en tres semanas
Por Redacción
O club de piragüismo de Portonovo conta os días para estrear a súa nova sede. Un novo edificio nas inmediacións da praia de Baltar equipado con mellores servizos e máis espazoso que o que tiñan ata hai uns meses na mesma localización.
A construción da nova instalación comezou no mes de marzo cos labores previos á edificación, que consistiron no transplante da vexetación dunar para a súa conservación. A continuación, os operarios desmontaron os aseos da praia e a vella caseta na que o club almacenaba o seu material para proceder despois á cimentación da nova estrutura. Unha vez consolidados os cimentos, os traballadores puideron comezar onte coa fase definitiva da construción consistente na instalación dos cerramentos laterais e superiores da estrutura.
Para finalizar as obras realizarase a instalación eléctrica, o saneamento, ventilación, tubaxes, e aseos. Desde o Concello de Sanxenxo calculan a finalización da obra nun prazo de tres semanas. O novo edificio ten unha superficie de 294 metros cadrados e está formado por dúas naves equipadas con dúas portas de 1,60 metros para embarcacións e outro s dous accesos para peóns. A capacidade do novo almacén é para 104 embarcacións. A nova sede contará tamén un ximnasio, vestiarios e un segundo almacén máis pequeno.
Para mellorar a integración do edificio na súa contorna, o exterior vai revestir con listóns verticais de madeira natural. Tamén se vai a instalar un valado lixeiro de madeira natural xunto á pasarela de madeira para protexer a vexetación dunar e van restaurar as zonas de duna próximas que estaban moi desgradadas.