Suspendido o xuízo contra Sinaí Giménez e varios dos seus irmáns pola ausencia de tres deles
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A ausencia de tres dos acusados provocou a suspensión do xuízo sinalado para este martes no xulgado do penal 1 de Pontevedra contra Sinaí Giménez, "o rei dos xitanos" e varios dos seus irmáns, membros do coñecido como o clan de 'os Morones'. Todos eles están acusados de agredir un avogado e seis gardas civís ás portas do xulgado de Tui, no ano 2014.
O xuízo aprazouse para os días 16 e 17 de outubro despois de que tres dos irmáns de Sinaí, concretamente Juan Pablo, Marino e Consuelo Giménez, non se presentaran nos xulgados da Parda. A fiscal do caso, Enma Doval, pediu o aprazamento, pero medidas contra os acusados pola súa incomparecencia e o xuíz, Juan José Trashorras, ditou un auto con diversos acordos.
Juan Pablo, que xa ten en vigor unha orde de busca e captura a nivel europeo, non compareceu no xulgado e os seus avogados tampouco alegaron nada, polo que a Fiscalía pediu o seu ingreso en prisión e o xuíz emitiu unha nova requisitoria contra el; mentres que os letrados de Marino explicaron que as súas condicións físicas (300 quilos e unha lesión no xeonllo) impedíanlle vir ao xulgado. Este feito, segundo o titular do xulgado, non xustifica a súa ausencia e, por tanto, emitiu unha orde de detención contra el.
Con respecto á terceira dos irmáns, Consuelo Giménez, a muller presentou informes médicos que acreditan que non está en condicións de acudir ao xuízo, tras estar ingresada no hospital durante a última semana. No seu caso, o xuíz ordenou que un forense acuda ao seu domicilio para valorar o seu estado de saúde. Se este non reviste gravidade e, por tanto, non lle exime de sentar no banco, ditaríase un requirimento para a súa comparecencia no xulgado e, se o fiscal o pide, o seu ingreso en prisión.
Este martes transcendeu que na causa xudicial tamén está personado o Colexio de Avogados de Pontevedra. O seu letrado compareceu para apoiar ao seu compañeiro agredido #ante os xulgados de Tui xunto a seis gardas civís.
Á súa chegada aos xulgados da Parda, Sinaí Giménez explicou que todos os membros da súa familia están "tranquilos" ante os xuízos que teñen pendentes porque "sé que nada de lo que se dice es cierto" e, ante a gran presenza de medios de comunicación, comentou que a presión mediática "la aguanto perfectamente".
O xuízo obrigou a realizar un amplo despregamento de seguridade con ao redor de 20 axentes, tres furgóns das Unidades de Intervención Policial (UIP) e dúas dotacións da Policía Nacional. Non se produciron incidentes de ningún tipo.
Neste procedemento, Sinaí Giménez está acusado pola Fiscalía dos delitos de atentado contra axentes da autoridade e obstrución á xustiza, polos que "o rei dos xitanos" enfróntase a penas que suman catro anos e medio de prisión. Para o seu irmán Juan Pablo solicítanse seis anos e medio de prisión e o pago de multas por máis de 4.400 euros. Ás mesmas penas enfróntanse outros dous irmáns, Darío e Consuelo.
En canto a Marino e Saúl Giménez, o fiscal reclama unha condena dun ano e medio de prisión e unha multa de 160 euros para cada un deles.
Finalmente, en concepto de responsabilidade civil, o Ministerio Público pide que tres dos acusados indemnicen en 9.000 euros a un dos axentes agredidos e en 2.000 euros a outro. Pola súa banda, o avogado agredido xa renunciou no seu día a exercer medidas ou reclamar indemnización.
A próxima semana, entre os días 1 e 5 de xullo, 'os Morones' están de novo citados polo xulgado do penal 2 de Pontevedra. Neste caso, deberán responder ante a xustiza por unha liorta que tivo lugar no mercadiño de Cangas do Morrazo na mañá do 16 de outubro de 2015.
Relacionadas:
-
Acordo no xuízo contra integrantes dos Morones con condena dun ano de prisión para Sinaí Giménez
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
"Justicia con minúsculas" para asinar a paz social no conflito dos mercados ambulantes
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os xulgados da Parda blíndanse polo conflicto entre 'Morones' e 'Zamoranos'
Por Redacción |
-
O xuízo a Sinaí Giménez comezá este martes cun extraordinario dispositivo de seguridade
Por Redacción |