Xa está operativa a plataforma de intercambio de libros escolares para o vindeiro curso
Por Oskar Viéitez
Coincidindo co remate do curso escolar, a Concellaría de Benestar Social que xestiona Paloma Castro pon en marcha a plataforma de intercambio de libros trocalibros.pontevedra.gal na que as familias con fillos escolarizados en centros de ensino de Pontevedra se poden pór en contacto para intercambiar os seus manuais de texto que aínda estean operativos no curso 2019-2020.
O manexo é sinxelo. As familias deben facerse usuarios da plataforma e logo encher no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia o sistema lle facilita os datos de contacto.
Aínda que non se pode garantir que estean dispoñibles os libros que se solicitan, o éxito do sistema depende da achega das familias. Cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan máis opcións haberá para todas elas.
Para poder participar os escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade. O intercambio abrangue os cursos dende terceiro de primaria e ata segundo de bacharelato (os libros de infantil e ata segundo de primaria non se poden volver a usar). Os libros deben estar en bo estado. Non se pode pedir ningunha cantidade económica polos libros, o intercambio é de balde.
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, aposta por promover un espazo colaborativo e contribuír a xerar un modelo de desenvolvemento sostible dende a perspectiva económica, ecolóxica e social. "Este é o obxectivo deste proxecto de reutilización dos libros de texto, que ademais pretende dar resposta no ámbito educativo a familias pontevedresas que se atopan nunha situación difícil", indicou.
"Dende Benestar queremos impulsar o proxecto do trocalibros, co fin de prolongar a vida dos manuais, transmitir valores de respecto e coidado cara o material escolar e solidariedade", concluíu.
Benestar indica que, como se trata dunha experiencia bastante nova en todo o Estado, solicitan a colaboración das familias pedíndolles as melloras que se poidan facer de cara a próximos cursos, transmitíndoo a través do e-mail de contacto da plataforma.