Os participantes de "A Santiago pola xordocegueira" completan a segunda etapa en Pontevedra
Por Redacción
A segunda etapa do reto "A Santiago pola xordocegueira" achegou este domingo aos seus 18 participantes ata a cidade de Pontevedra.
Seis persoas xordocegas de Cataluña, Baleares e Galicia, acompañadas por dúas persoas de apoio cada unha, percorreron o tramo do Camiño Portugués que separa Redondela da capital do Lérez. Cinco delas fixérono a pé e unha en bicicleta adaptada.
En Pontevedra, no sendeiro fluvial do Río Gafos, fronte a Estación de Autobuses, deulles a benvida unha comitiva encabezada pola concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e varios membros das asociacións Xuntos, Asearpo e Pedaladas, así como a presidenta de Xoga e secretaria xeral de Fesoce, María Jesús Monterde, e membros da directiva da organización anfitriona e organizadora deste evento lúdico que ten por obxectivo ofrecer un tempo de ocio diferente ás persoas xordocegas ao mesmo tempo que visibiliza as súas necesidades á sociedade en xeral.
Concelleira e representantes das asociacións da cidade intercambiaron impresións cos peregrinos que dixeron estar disfrutando moito desta experiencia coa que están a percorrer moitas vilas e espazos naturais cos que están a experimentar moi boas sensacións ao mesmo tempo que demostran que é posible gozar dunha experiencia de peregrinaxe independentemente das características físicas e necesidades de cada quen.
Este luns os participantes completarán a terceira etapa entre Pontevedra e Caldas de Reis, en total 21,1 quilómetros.