Unhas 60 alfombras florais tapizan un quilómetro e medio de rúas de Bueu
Por Diego Torrado
Un quilómetro e medio de rúas tapizadas con alfombras florais para celebrar o Corpus. Os veciños de Bueu confeccionaron unhas 60 alfombras, desde Eduardo Vincenti, pasando por Pazos Fontenla, Francisco Escaneo, Montero Ríos, ata a praza Massó pasando pola Banda do Río onde os nenos compuxeron un tapiz coa Banda de Vilacendoi, o libro de Xulio Gayoso, editado por Kalandraka.
Esta iniciativa que organiza a Asociación Alfombras de Bueu co apoio do Concello tivo este ano como eixo temático a música. Así houbo estampas dedicadas a Xapón ou a India, ademais dos motivos relixiosos.
Esta Festa do Corpus de Bueu está declarada de Interese Turístico de Galicia.
Centos de persoas gozaron desta arte efémera ata que, ás seis e media tarde, despois da misa do Corpus celebrada na igrexa parroquial, a procesión pisou estes mantos florais.
A festa conclúe esta noite coa actuación da orquestra Johnny Maquinaria á que seguirán as fogueiras de San Xoán.