A Boa Vila cumpre coa tradición do Corpus
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A choiva non estragou a celebración de modo que Pontevedra puido levar a cabo a tradicional procesión do Corpus Christi.
Na Boa Vila esta xornada empeza coa parte civil. A corporación municipal, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, acudiu ata o atrio da capela de San Roque onde o Gremio de Mareantes convidounos a unha copa de augardente branca e un anaco de pan de millo.
O Gremio dos Mareantes é a entidade viva máis antiga da cidade, xa que foi fundada como Confraría do Corpo Santo en 1320. Aínda que os actos relixiosos organízaos a Igrexa, este ano a parroquia de Santa María, o Gremio mantén un sitio de privilexio na procesión co cetro pagán de Teucro e os de san Miguel, do Santísimo, o palio e as imaxes de san Miguel, san Roque e san Telmo. A cruz parroquial que abre a procesión tamén é dos Mareantes.
A misa pola solemnidade do corpo e o sangue de Cristo, popularmente coñecida como Corpus Christi, celebrouse na Real Basílica de Santa María a Maior, estando presidida polo bispo auxiliar de Santiago, Jesús Fernández González.
Ao seu remate, sobre as 12:00 horas do mediodía, saíu a procesión percorrendo a Avenida de Santa María, Alhóndiga, Don Filiberto, Manuel Quiroga, Soportais, Praza da Ferrería -onde tivo lugar un breve acto eucarístico-, Paseo de Odriozola, Pasantería e Sarmiento, recolléndose na igrexa parroquial de San Bartolomé.