Os propietarios do Augusta proxectan unha ampliación para ser un hotel de cinco estrelas
Por Oskar Viéitez
O director xeral do Augusta Spa Resort, José Manuel Otero, anunciou que proxectan ampliar este establecemento para convertelo nun hotel de cinco estrelas.
O anuncio fíxose durante a festa do vinte aniversario desta empresa hostaleira de Sanxenxo.
Haberá que esperar polo menos dous anos para que Sanxenxo teña o seu primeiro hotel de cinco estrelas, pois ese é o prazo que manexa José Manuel Otero para facer toda a reforma e poder subir de categoría no ano 2021.
Mentres tanto o hotel de Padriñán incorporará un equipo médico que deseña as súas terapias ligadas ao spa, integrando na súa oferta propostas de envellecemento saudable ou alimentación terapéutica, entre outras novidades.