Onde hai fogueiras de San Xoán?
Por Oskar Viéitez
A provincia de Pontevedra dará a benvida ao verán con cacharelas en todos os municipios e case en todas as parroquias, esta é unha pequena guía para escoller onde pasar esta noite máxica.
PONTEVEDRA
O rexistro xeral do Concello de Pontevedra contabilizou 116 fogueiras para a noite do 23 de xuño. Estarán controladas por 6 unidades de emerxencia (4 de bombeiros e 2 de Protección Civil).
A distribución das fogueiras no termo municipal é a seguinte: No centro cidade haberá 12 (dúas de asociacións). Nas parroquias: Salcedo: 16 (1 de asociación); Lourizán: 9 (2 de asociacións); Tomeza: 3; Marcón: 9 (1 de asociación); Bora: 10; Santa María de Xeve: 1; Santo André de Xeve: 5; Verducido: 5; Lérez: 10; Cerponzóns: 7; Monte Porreiro: 1; Campañó: 6; Mourente: 15 (1 de asociación); Alba: 5; Ponte Sampaio: 2 e na Canicouva non se solicitou permiso para ningunha.
POIO
No Concello de Poio autorizáronse 88 fogueiras das cales 25 realizaranse en praias e zonas de costa.
Poio celebra as súas festas patronais e durante toda a fin de semana haberá pasarrúas e animación musical. A actriz Eva Iglesias (do programa "Land Rober" da Televisión de Galicia) dará o pregón o sábado ás 21 horas no balcón da Casa do Concello. O domingo haberá unha recollida de herbas de San Xoán (ás 18.00 horas), e na Seca unha sardiñada popular (ás 21.30 horas) e verbena coas orquestras D´Moda e Xacobeo.
SANXENXO
O Concello de Sanxenxo rexistrou un total de 162 solicitudes de fogueiras, entre praias e particulares. Só están permitidas as cacharelas nas praias de Silgar, Panadeira, Caneliñas, Nanín e Agra.
A Policía Local velará para impedir a celebración do botellón na praia de Montalvo e os lumes non autorizados.
MARÍN
O Concello de Marín non autoriza a realización de fogueiras de San Juan nas súas praias, pero organizou unha festa " rave" de música electrónica na praia de Portocelo. A "San Xoán Beach" tivo lugar este sábado 22.
Ademáis dous grandes foleóns encherán a Praza do Regueiro para celebrar unha noite de meigas. O colectivo "Amijos e Vesiños de Cantodarea" e o Concello de Marín programan unha festa con actividades infantís (17.00 horas), a ritmo da Charanga Noroeste, haberá pan, viño, sardiñas e churrasco a prezos populares (21.00 horas). Se prenderá o foleón infantil (22.00 horas) e o gran foleón ás 12 da noite, haberá música co Trío Formas.
VILAGARCÍA
En Vilagarcía, se as condicións meteorolóxicas o permiten, volverá a celebrar por todo o alto a chegada do solsticio de verán. Farao prendendo nada menos que 246 cachadas para celebrar a noite de San Xoán, a noite do domingo 23 ao luns 24 de xuño, e outras 159 iluminarán a noite de San Pedro, o sábado 29 de xuño.
Están previstas 27 fogueiras para realizar nas praias da Concha-Compostela, Amio e A Covacha. Como as solicitudes fanse de forma conxunta, en 159 delas tamén se pedía autorización para organizar cachadas durante a noite de San Pedro.
A maiores, e como ven sendo habitual dende hai anos, tamén se concederon 15 permisos para a realización de sardiñadas e barbacoas en espazos públicos por parte de locais de hostalería.