O Concello pon o "contador a cero" para tomar decisións "necesarias" en Persoal
Por Alejandro Espiño
Haberá cambios "profundos" na organización interna do Concello. Así o avanzou este venres a nova edil de Persoal, Carmen Fouces. O goberno municipal quere tomar as decisións "necesarias" para lograr unha administración "máis eficiente" e, dentro dese obxectivo, "nada está desbotado nin garantido".
Fouces explicou que, aproveitando os "primeiros compases" do novo goberno, o Concello fará "borrón e conta nova" e poñerá o "contador a cero" nas relacións cos seus traballadores. Iso si, advertiu que "non me tremerá o pulso" para adoptar as medidas que permitan mellorar a atención aos cidadáns.
Coa intención de dar un "bo servizo" aos pontevedreses, o Concello está "avaliando todo" para, entre outras cuestións, revisar o funcionamento da administración electrónica e "seguir afondando" nas reformas implantadas nos últimos anos. Este diagnóstico, dixo, "non está completo" pero os problemas están "completamente identificados".
Afrontar esta nova organización interna, sinalou a edil de Persoal, será un reto "difícil" e para este traballo espera contar "con todo o mundo", especialmente cos propios funcionarios dos que destacou que están "impregnados" dun compromiso "absoluto" pola cidade e para que a xestión municipal sexa "eficaz".
"Temos moi bos vimbios para facer un cesto fantástico", sinalou.
A este respecto, recoñeceu que unha posibilidade que "está aí" é o nomeamento de novos directores xerais en varias áreas de xestión municipal ou que o Concello poida abrir polas tardes para que os cidadáns poidan facer algunha xestión.
Todo iso, subliñou, debe analizarse baixo a "importancia" de que os dereitos laborais dos funcionarios e traballadores municipais "non se conculquen" e garántase "o que lle corresponde", deixando claro en todo caso que "todo é negociable" sempre que supoña unha mellora ao servizo á cidadanía.
De cara o conflito laboral latente desde hai anos, Carmen Fouces sinalou que os sindicatos deben facer unha "reflexión" sobre o "novo panorama" que deixan tanto as eleccións municipais como os comicios sindicais e mostrouse convencida de que "podemos chegar a espazos de encontro".
"Temos que achegarnos sen mochilas nin posicións previas tratando de ser construtivos", engadiu a edil do BNG, que quixo mostrar o seu "orgullo" polo traballo feito polo seu precedesor, Vicente Legísima. "Intentarei estar á súa altura", concluíu.
Relacionadas:
-
Pontevedra incorpora 14 novos funcionarios ao persoal municipal
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Macenlle, Gómez Viñas e González Abal, novos directores xerais do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Catro procesos selectivos reducirán a taxa de temporalidade no plantel do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
"Novo ciclo" no goberno municipal: "Estamos contentos de comezar a traballar"
Por Alejandro Espiño |