A Garda Civil sorprende in fraganti dous homes roubando unha moto nunha furgoneta
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo na madrugada deste venres dous homes de 30 e 42 anos que foron sorprendidos in fraganti cando estaban a roubar unha moto meténdoa nunha furgoneta na parroquia de San Salvador de Poio.
Os feitos ocorreron sobre as 2.45 horas deste venres e, tras a detención, foron trasladados aos calabozos da Comandancia da Garda Civil. Alí permanecerán ata que sexa posto a disposición xudicial no xulgado de garda de Pontevedra.
A actuación realizárona axentes dunha patrulla fiscal e de fronteiras da Garda Civil de Marín e dunha dotación do posto de Pontevedra. Sorprenderon in fraganti a un veciño de Pontevedra de 42 anos de nacionalidade española e a un veciño de Ponteareas de 30 anos natural de Romanía.
Tras o arresto, na mañá deste venres xa apareceu o propietario da moto subtraída, pois recibíronse na Garda Civil varias denuncias por roubo, entre elas, as dunha persoa á que roubaron unha moto dun garaxe dun edificio de San Salvador.
Ademais, hai outra denuncia polo roubo dun GPS. O aparello en cuestión foi localizado en posesión dos dous detidos. Os homes levaban encima outros obxectos cuxos propietarios aínda non foron localizados.