O verán entra nas Rías Baixas con ceos pouco anubradros ata o domingo onde a chuvia mollará as cacharelas
Por Redacción
Este venres 21, coa entrada do solsticio de verán, as Rías Baixas van manterse baixo a influencia das altas presións con ceos pouco anubrados. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso mentres que as máximas ascenderán moderadamente situándose entre os 11 e os 24 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, con intervalos de moderado no litoral, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
O sábado 22, as baixas presións achegaranse polo oeste a Galicia e os ceos aparecerán parcialmente anubrados. A partir da tarde comezará a entrar unha fronte polo oeste que se irá espallando por toda a comunidade ao longo da noite deixando chuvias. As temperaturas van situarse entre os 12 e os 23 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A entrada do fronte frío polo oeste provocará que durante o domingo 23, a xornada de preparación das cacharelas de San Xoán, os ceos se presenten moi anubrados con chuvias xeralizadas chegando a ser puntualmente intensas. Cara a noite, a fronte irá retirándose cara o leste. Os ventos van soprar de compoñente sur, frouxos en xeral pero máis intensos no litoral atlántico. As temperaturas quedarán entre os 14 e os 21 graos.
A partir do luns continuará a influencia das baixas presións, con alta probabilidade de chuvia, que irá baixando ao longo da semana, sobre todo nas Rías Baixas. As temperaturas continuarán sendo baixas para esta época do ano.