A folga de médicos vacía os centros de saúde
Por Manu Otero
O conflito pola sobrecarga dos médicos de atención primaria nos centros de saúde de toda Galicia recrúase. Facultativos de todas as áreas sanitarias manifestáronse esta mañá en Santiago para esixir medidas inmediatas ao Sergas que contribúan a alixeirar unha carga de traballo que consideran "insoportable". Na área sanitaria de Pontevedra, os profesionais cifran o seguimento dos paros nun 70%. "É un seguimento importante", subliña Carlos Eiroa, representante do colectivo de médicos en folga.
Máis que datos numéricos, os doutores céntranse no estado dos centros de saúde. "Estaban baleiros", asegura Eiroa, quen valora o apoio dos pacientes á causa dos médicos. "Hai moita comprensión, nos apoian e mesmo nos teñen dito: 'non sei como tanto tedes aguantado'", agradece o médico, que participou na marcha polas rúas compostelás acompañado de pediatras, odontólogos e outros facultativos da atención primaria pontevedresa.
Mentres non haxa cambios, seguirán protestanto. A principal demanda é a redución do número de pacientes atendidos por día e ampliar o tempo por consulta. Pero teñen máis reivindicacións, como a organización do persoal. "Temos médicos moi ben formados e mándanvos a Urxencias no canto da Atención Primaria", critica Eiroa.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade respondeu o paro dos facultativos cun comunicado no que mostra a súa disposición para construír un novo modelo de atención primaria a través do diálogo e colaboración entre administración, profesionais e pacientes.
Neste sentido, aseguran que preto do 70 % das medidas contempladas no novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2020 están xa en funcionamento. Consisten, principalmente, na convocatoria de 528 prazas de emprego público no ámbito de atención primaria, a dotación de 331 novas prazas en diversas categorías deste departamento e o nomeamento estatutario eventual de continuidade do Sergas.
O investimento en novos equipamentos, 30 millóns este ano, é outra das actuacións que destacan desde o Sergas. Finalmente, lembran que o número medio de pacientes por médico en Galicia (1.275) é inferior á media española (1.357).
Relacionadas:
-
O persoal dos PAC, 200 días en folga cunha xornada maratoniana en Marín e Vilagarcía
Por Redacción |
-
O xerente da área sanitaria afirma que a folga nos PAC non ten "demasiada incidencia"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Persoal dos centros de saúde da área sanitaria irán á folga en abril
Por Oskar Viéitez |