As fogueiras de San Xoán poden coa choiva
Por Redacción
As malas previsións de tempo que pesan sobre a próxima noite de San Xoán parecen non afectar ás gañas dos veciños e veciñas de Ponte Caldelas de celebrar esta festa como manda a tradición, facendo unha boa fogueira.
O Concello vén de autorizar un total de 42 para a noite máxica do 23 ao 24 deste mes e outras 20 para a noite do 28 ao 29 deste mes, festividade de San Pedro, que tamén é costume celebrar no municipio. Son as mesmas cifras que se rexistraron o ano pasado.
Polo San Xoán as cacharelas iluminarán o ceo de todos os lugares do municipio e mesmo nalgún deles haberá máis de unha. Todos os lumes están a nome dunha persoa, que será a responsable do cumprimento das condicións. As autorizacións foron concedidas de acordo co previsto na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo que non se autoriza o lume en zonas de influencia forestal.
Ademais o Concello recalca que a autorización quedará automaticamente revogada en caso de risco extremo de incendio forestal e en caso de que o vento impida un control adecuado, deberá apagarse inmediatamente
A altura máxima das fogueiras non pode exceder os dous metros, un diámetro máximo é de 4 metros e unha distancia mínima ás casas de 20 metros. Ademais non poderá haber vehículos dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables.
Outra obriga pasa por ter a man mangueiras e extintores. Tampouco está permitido queimar rodas, plásticos ou calquera outro material especialmente combustible, coa única excepción da madeira. Do mesmo xeito, que non se poden compoñer as fogueiras con papeis, cartóns ou ramallos de eucalipto, pois son susceptibles de producir faíscas que, co vento, incrementan o risco de propagación. E as 3.30 horas, deben estar todos os lumes apagados dacordo co decreto da Xunta de Galicia que regula as festas e romarías populares.
Pola súa conta, o goberno local despregará durante as noites de San Xoán e San Pedro un operativo de seguridade que implica á Policía Local, en colaboración coa Garda Civil. Ademais manterá alerta á dotación do camión motobomba municipal para atender calquera posible incidencia.