Comezan as obras de fresado en Eduardo Pondal
Por Redacción
Este martes iniciábanse as obras de fresado en Eduardo Pondal na intersección con Uxío Novoneyra, previstas para esta semana.
Segundo as previsións que traslada a Policía Local de Pontevedra, ao longo do día vai poderse circular desde as rúas Estación e 12 de Novembro ata a Praza de Galicia con normalidade. Tamén se poderá acceder a Uxío Novoneyra.
Permanecerá pechado ao tráfico o tramo entre Augusto García Sánchez ata Eduardo Pondal e a rúa Xermán Adrio. Estas vías só poderán ser empregadas por vehículos de servizos e residentes.
Durante as primeiras horas desta xornada non se rexistraron incidencias de consideración malia as estriccións de circulación na zona, que provocaron a presenza de tráfico lento noutras rúas próximas.
Este mércores 19 de xuño, de 08:30 a 13:30 horas, repítense as mesmas restricións e permisos que na xornada anterior. De 15:00 a 21:00 horas, manténse o peche do sentido circulatorio dende Augusto García Sánchez cara Eduardo Pondal. A circulación por Xermán Adrio Sobrido continuará con restricións e vai permitirse o acceso e saída de garaxes. Péchase o acceso á rúa Uxío Novoneyra dende a rúa Eduardo Pondal e realízase a inversión da rúa Profesor Filgueira Valverde e do tramo de Joaquín Costa entre Antón Fraguas e Cobian Areal.
Para realizar estes traballos de tarde retírase o estacionamento da rúa Profesor Filgueira Valverde e da rúa Joaquín Costa, no tramo entre Antón Fraguas e Cobian Areal.