O comité do PSOE confirma a Carmela Silva para continuar á fronte da Deputación
Por Redacción
O comité provincial dos socialistas de Pontevedra, o máximo órgano de dirección entre congresos, mantivo un encontro este luns na Finca Batacos para analizar os traballos desenvolvidos durante os procesos electorais. O secretario xeral provincial David Regades considera que as vitorias logradas nas últimas citas coas urnas son o resultado do traballo de toda a militancia do PSOE ao longo de todo o ano.
Regades indicou que estes resultados supoñen unha maior responsabilidade para o Partido Socialista ao converterse na primeira forza nas eleccións xerais e gañar as municipais con 21 alcaldías, ademais de entrar en catro gobernos, entre eles o de Pontevedra, a través de coalicións. Iso supón, segundo os datos que manexan, gobernar sobre case un 69% da poboación, case 650.000 dos 900.000 habitantes da provincia.
Estas cifras deixaron ao PSOE a só un escano de que lograran a maioría absoluta na Deputación Provincial. O comité aprobaba por aclamación a Carmela Silva para repetir como candidata a continuar como presidenta da institución provincial.
David Regades destacou o importante traballo que se desenvolveu durante os últimos catro anos ao fronte da Deputación. Loubou os cambios realizados que permitiron unha maior autonomía dos concellos fronte ao "caciquismo e o clientelismo do Partido Popular".
Carmela Silva interviña para afirmar que se presentan catro anos de moito traballo e explicou que a proximidade, escoitar e entender son as claves para poder levar a cabo políticas de igualdade e de xustiza social.