Educación premia os proxectos emprendedores de estudantes de Pontevedra, Vilaboa e Vilagarcía
Por Redacción
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu este luns a entrega dos premios do programa Atrévete, enmarcado no plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende.
Un total de 43 estudantes resultaron galardoados na convocatoria correspondente ao curso 2018/19 neste certame, que ten como obxectivo fomentar, motivar, e sensibilizar no espírito emprendedor no alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros sostidos con fondos públicos.
Deles, dous son estudantes do CEIP Plurilingüe de Riomaior, de Vilaboa, en colaboración co CIFP Carlos Oroza. Outro estuda no IES Luís Seoane de Pontevedra, cun proxecto en colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra; e catro foron estudantes de Vilagarcía de Arousa, do CEIP O Piñeiriño e do IES Fermín Bouza Brey coa colaboración da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa.
A conselleira agradeceu o traballo dos docentes arredor deste programa e a colaboración das empresas e asociacións empresariais.
Ao longo do curso o alumnado participante, acompañado do seu profesorado, participou en actividades de fomento do emprendemento, que incluíron visitas ás 25 empresas e 11 asociacións empresariais colaboradoras nesta edición.