Os atracadores da Cañiza piden perdón á viúva e aos orfos do garda civil falecido
Por Oskar Viéitez
Este xoves quedou visto para sentenza o xuízo contra os tres homes acusados polo atraco a unha oficina bancaria da Cañiza en agosto de 2010 no que un axente da Garda Civil resultou falecido e outro ferido durante un tiroteo.
Facendo súas as teses da Asociación Unificada da Garda Civil, o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, solicita a mesma pena para os tres procesados, 25 anos para cada un, imputándolles homicidio e tentativa de homicidio a José Vilar, alcumado 'Pepiño' a José Angel Martins Mendoza, "el Peque", e Fernando Condines.
O fiscal entende que existiu dolo eventual, é dicir, os tres "dominaban la acción y la intención no era sólo robar sinó cuantas consecuencias accesorias fueran necesarias".
Os avogados da defensa cualificaron esta estratexia da Fiscalía como "una venganza indiscriminada" e alegaron a favor dos seus clientes circunstancias atenuantes como lexítima defensa sobrevida, drogadicción, mesmo o baixo coeficiente intelectual, no caso de Condines.
O presidente do tribunal, o maxistrado José Juan Barreiro Prado, deu a oportunidade aos procesados dunha última intervención que aproveitaron para pedir perdón á familia do axente falecido, Jorge Piñeiro. Nese momento, a viúva e os pais do garda civil non puideron conter as bágoas e abandonaron a sala en silencio.
O primeiro en falar foi José Vilar, autor confeso dos disparos que acabaron coa vida do garda civil "lo siento mucho, especialmente por la familia y por los hijos. Yo no quería hacer eso", dixo. A continuación pediu ao tribunal que analizase ben as balas para comprobar que "el que disparó primero fue el guardia civil".
Pola súa banda, "el Peque", José Ángel Martíns Mendoza dirixiuse ao tribunal para dicir "siento mucho lo que ha pasado. Quiero que me condenen por lo que he hecho: por un intento de robo y no por lo que al final sucedió fortuítamente".
O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, solicita a mesma pena para cada un dos tres procesados, 25 anos
Martíns explicou que non contestou ás preguntas do Fiscal nin das acusacións particulares "porque yo antes de ser detenido ya estaban saliendo por la televisión y durante estos tres años, acusandome directamente de ser el asesino caundo ya quedó demostrado que yo ni sabía del arma ni sabía nada". Finalmente insistiu "siento mucho lo de la mujer del fallecido y los hijos".
Pola súa banda Fernando Condines limitouse a dicir "lo siento mucho y nada más".
O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Condenan a 76 anos de cárcere os tres atracadores dunha sucursal da Cañiza pola morte dun garda civil
Por Oskar Viéitez |
-
"No quiero venganza lo que pido es Justicia", di a viúva do garda civil tiroteado
Por Oskar Viéitez |
-
O atracador que matou un garda civil asegura que os seus disparos foron fortuítos
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal pide 25 anos de cárcere para o atracador acusado de matar un garda civil na Cañiza
Por Oskar Viéitez |